O CGAI acolle a partir deste martes as proxeccións das obras galardoadas nos Mestre Mateo

luns, 2 de xullo do 2012 Redacción

Fotograma da curta De amor e cantería, gañadora na categoría de obra experimental

As obras recoñecidas na pasada edición dos Premios Mestre Mateo, convocados pola Academia Galega do Audiovisual, van ser proxectadas ao longo dos vindeiros no Centro Galego de Artes da Imaxe, o CGAI, emprazado na Coruña. As xeiras comezarán este martes con Doentes, de Gustavo Balza, a partir das 20.00 horas, filme que se fixo co galardón á mellor longametraxe, entre outros. As sesión tamén incluirán (previamente) a proxección De amor e cantería de Píxel Films e Fundación Manuel María, mellor obra experimental. Esta curta, de 10 minutos de duración, vén da man de Anxa G. Refoxo e Mikel Fontes, e recrea os poemas de Sonetos á casa de Hortas nos que Manuel María recrea as súas vivencias na súa casa natal en Outeiro de Rei.
A seguinte cita chegará o mércores, día 4 de xullo, coa exhibición ás 20.00h de Engurras, cinta gañadora na X edición dos Premios Mestre Mateo nas categorías de Longametraxe de Animación, Dirección Artística, Son, Música Orixinal e Guión. Antes proxectarase El club del bromista, de Luís Usón e Usón Studio, gañador na categoría de Curtametraxe de Animación. O xoves 5 de xullo, tamén ás 20.00h, será a quenda da cinta que gañou o premio ao mellor Documental, As silenciadas, de Mr Misto, e de As damas negras, gañadora na categoría de Curtametraxe de ficción. Por último o venres 6 de xullo ás 18.00h proxectarase Eduardo Barreiros, o Henry Ford Galego, de Simón Casal de Miguel, gañadora na categoría de mellor Película para televisión e ás 20.00h Tralas Luces, de Sandra Sánchez, galardoada co Mestre Mateo á mellor Longametraxe Documental, Montaxe e Dirección.

PUBLICIDADE