O CESGA faise co Itanium Innovation Awards polas súas aplicacións de computación intensiva

luns, 28 de setembro do 2009 Raquel Noya

O equipo CESGA-UNEX-UVIGO, composto por investigadores da Universidade de Vigo, da Universidade de Extremadura e do CESGA, resultou gañador do Itanium Innovation Awards 09, na categoría de Aplicacións de Computación Intensiva, un concurso que concede a Itanium Solutions Alliance como recoñecemento polo uso extraordinario de supercomputadores equipados con procesadores Intel Itanium.
Os premios entregáronse esta semana nunha cerimonia celebrada no Museo de Arte Contemporáneo de San Francisco, en California e ademais da categoría de computación intensiva, recoñeceron a excelencia de traballos de supercomputación realizados en sistemas baseados en Itanium noutras dúas categorías: a Mission-Critical Data, e a Center Modernization.
Os criterios de selección dos traballos presentados, chegados dende 14 países distintos pertencentes aos 5 continentes, baseouse fundamentalmente na dificultade do reto computacional presentado, os resultados producidos e a orixinalidade da proposta.
En concreto, a categoría na que o equipo CESGA-UNEX-UVIGO resultou gañador, recoñece a organizacións que empregaron os seus sistemas baseados en Itanium para facer fronte a enormes e críticas cargas de computación que demandan un alto rendemento constante e recursos compartidos escalables.
O xurado, composto por destacados membros da industria como o Dr. Barry Hief, director científico de Global Patent Identifiers, Sverre Jarp, director de tecnoloxía do CERN Openlab, ou Michelle Pierce, xefe de produto de Mainframe Migration Alliance de Microsoft, considerou ao equipo do CESGA merecedor do premio “polo uso feito do supercomputador Finis Terrae para analizar problemas de computación electromagnética masivos”; o máis grande con máis de 500 millóns de incógnitas, con aplicacións de interese para a mellora do deseño industrial. O CESGA empregou os servidores HP Integrity, equipados con 1.024 procesadores Itanium en paralelo e 6 TB de memoria, para conseguir unha solución que é primeira na súa clase e que lle valeu este galardón, entre outros.
O equipo está composto polos investigadores Fernando Obelleiro e José Luis Rodríguez da Universidade de Vigo e por Luis Landesa e José Manuel Taboada da Universidad de Extremadura, os cales traballan de forma coordinada dende hai anos para, entre outros, a Armada e a empresa Navantia desenvolvendo sistemas que permiten abordar estudos de compatibilidade electromagnética, co obxectivo de detectar interferencias entre antenas, predicir niveis de radiación perigosa, estudar a súa superficie equivalente radar...

PUBLICIDADE