O CESGA e a UDC colaboran nun proxecto tecnolóxico para mellorar a calidade de vida dos discapacitados dende os seus fogares

luns, 11 de decembro do 2006 Fernando Sarasketa

Afondar nas posibilidades das novas tecnoloxías da información como instrumentos para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidades. Este é un dos grandes obxectivos dun proxecto recentemente aprobado pola Dirección Xeral de I+D e que conta coa área de e-learning do Centro de Supercomputación de Galicia en labores de coordinación e coa unidade asistencial de trastornos do desenvolvemento da Universidade da Coruña achegando a súa experiencia investigadora.
A iniciativa ten un nome longo coma poucos mais, en parte grazas a isto, non precisa case de explicacións ulteriores: Estudo e análise do impacto do uso das TIC na atención ás persoas con discapacidade e ás súas familias: calidade de vida e autoxestión. Segundo apunta o CESGA, unha das partes fundamentais do proxecto consiste na creación dun “entorno virtual de comunicación onde os terapeutas poidan asesorar ás familias de xeito individualizado ben sexa en tempo real ou en diferido e sempre que o precisen, sen necesidade de ter que desprazarse para recibir a axuda dos profesionais”.
Cómpre dicir que será o dito equipo de traballo da UDC o que asuma o labor de avaliar a situación actual das familias de persoas con diversidade funcional, co fin de implantar logo as novas ferramentas na súa vida cotiá.
Co fin de completar este último punto, o proxecto inclúe a instalación no eido familiar dun computador multimedia “de última xeración e de conexión a internet de banda ampla”. Grazas a isto, os fogares contarán cun espazo virtual privado onde os participantes na iniciativa poderán establecer comunicación con quen desexen e recibir formación profesional.
Segundo engade a área de e-learning do CESGA, o programa vai durar tres anos. Deste prazo de tempo, arredor de 12 meses destinaranse a (por así dicilo) incidir no miolo do proxecto: mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional través do emprego directo das novas tecnoloxías e no eido das súas propias familias.

PUBLICIDADE