O CESGA, de portas abertas para a mocidade galega até o 21 de novembro

mércores, 12 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

Javier García Tobío, director do CESGA, nunha imaxe de Tucho Valdés

Na Semana da Ciencia, arestora en curso, os centros de investigación sáenche ao paso. Asemade, os seus accesos –portas abertas- convértense máis que nunca en metáfora da comunicación pola que apostan: unha comunicación como a que se pode ter en calquera recanto da cidade na que nos movemos, igual de teórica e de práctica e na mesma frecuencia de onda. Isto que é aplicable a nivel europeo (a Semana celébrase arestora a nivel continental), é tamén propio das actividades no eido galego.
No programa de accións atopamos bos exemplos da man dos museos científicos da Coruña ou mesmo do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), por falar de quen toca temáticas propias do eido dixital e/ou científico. No caso deste último centro de investigación, situado no Campus Sur de Santiago, sinalar que a súa achega para a Semana da Ciencia consiste entre outras cousas nunha gran xornada continua de portas abertas, a desenvolver até o 21 de novembro e en horario de 10.00 a 18.00 horas.
Segundo sinala o propio CESGA, estes encontros co público en xeral (sobre todo coa mocidade galega pre-científica) constitúen unha ocasión para que alumnos de educación secundaria e os de bacharelato coñezan de primeira man o labor desenvolvido polo Centro, amais das instalacións e o equipamento tecnolóxico posto en xogo. As visitas dos grupos, que non deberán ser maiores de 20 persoas, apóianse en presentacións sobre o miolo do traballo realizado no CESGA e os seus obxectivos. Para máis información, cómpre pórse en contacto con Fernando Bouzas, responsable de comunicación do Centro, a través do seguinte número de teléfono: 981 569 810.

PUBLICIDADE