O CESGA acolle a presentación dun acelerador da innovación para PEME manufactureiras galegas e portuguesas

martes, 28 de maio do 2013 Redacción

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) acolleu este martes a presentación dun novo proxecto galego-portugués para impulsar a innovación dos diferentes sectores ligados ao metal a través dos recursos de computación do CESGA. No proxecto, amais do CESGA, participan a Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (AIMEN), a Associaçao de Industriais Metalúrxicos e Metalomecánicos de Portugal (AIMMAP) e máis o Centro de Apoio Tecnolóxico á Industria Metalomecánica. Máis polo miúdo, a iniciativa conxunta consiste nun acelerador da innovación para pequenas e medianas empresas manufactureiras de ámbalas beiras da raia e na posta en marcha de servizos e infraestruturas avanzados para acelerar a innovación en procesos de deseño industrial.
A idea é permitir que as PEME teñen ao seu alcance, de xeito accesíbel e inmediato, os maiores recursos de modelización, simulación e computación. A través deste acordo, as firmas galego-portuguesas dos ditos sectores poderán tirar partido do software de simulación de código libre e capacidade adicional de computación que subministra o CESGA. Isto será posíbel a través do Proxecto CloudPEME, unha iniciativa posta en marcha hai dous anos e que xa beneficiou, ao longo dese tempo, a trece empresas galegas e do Norte Portugal permitíndolles o acceso directo a ferramentas que impulsan a innovación nos seus procesos e produtos. En concreto, foron as firmas Esypro, Industrias Abalde, Industrias Ferri, Ronautica, Texas Controls (todas elas galegas) e (de Portugal) Prova, Incomef, Marques & Cruz, Weproductise, Carpintaria Domingos Fernandes Ralha e Herdeiros, Tufama, Vale & Quintão e Amob.
Como dixemos o proxecto CloudPEME consiste en achegar as vantaxes da supercomputación e da simulación ao sector produtivo industrial galego-portugués, concretamente ao metalmecánico e ao metalúrxico, que son os que se integran na Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (AIMEN) e a Associaçao de Industriais Metalúrxicos e Metalomecánicos de Portugal, AIMMAP.
As devanditas plataformas, xunto co Centro de Apoio Tecnolóxico á Industria Metalomecánica, CATIM, e grazas á tecnoloxía do Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA, teñen pois, ao seu alcance, tecnoloxías libres e avanzadas de deseño, enxeñaría e simulación por computador.

PUBLICIDADE