O CESGA achega tecnoloxía para estudar os efectos da radiación solar no quecemento da Terra

mércores, 18 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

Do edificio do CESGA emprazado no Campus Sur de Santiago, e co supercomputador Finis Terrae como motor principal da maquinaria, seguen a abrollar múltiples exemplos de aplicación de cálculo nos máis variados eidos de actividade. Esta semana, sen ir máis lonxe, entramos en contacto cunha das máis innovadoras aplicacións recentes do centro galego e o seu potencial: a que está a servir para avaliar os efectos da actividade solar no cambio climático. Dáse a circunstancia de que se trata dunha liña de traballo nova en tódolos sensos, de feito, "non había simulacións que incluíran estes efectos de forma realista sobre o clima do futuro cun modelo a esta escala”, sinala Juan Antonio Añel, xefe de investigación en climatoloxía da Smith School of Enterprise da Universidade de Oxford.
O proxecto no que está a traballar o CESGA, cuxos resultados comezarán a obterse ao longo de 2013, ten a súa orixe nuns traballos desenvolvidos en 1988, da man da ONU e o seu Panel Intergubernamental do Cambio Climático (IPCC), co obxectivo de advertir á sociedade dos perigos que supón para o medio ambiente o quecemento da atmosfera derivado das actividades humanas. Pois ben, ao abeiro deste traballo incluíronse unhas predicións sobre as devanditas consecuencias negativas para a Terra, pero os cálculos estaban feitos atendendo a unha cantidade fixa de radiación solar.
Tempo máis tarde xurdiu a inevitábel pregunta: que pasaría se esta radiación variase co tempo, tal e como se supón que variará ao longo dos vindeiros anos? Neste punto é onde entra en xogo o CESGA e máis os seus compañeiros de proxecto: as Universidades de Vigo e de Madrid (Complutense), o National Center for Atmospheric Research dos Estados Unidos e máis a universidade británica de Oxford. Todas estas institucións académicas e de I+D están a empregar arestora o potencial do CESGA para levar a cabo simulacións avanzadas que inclúan e atendan a devandita taxa de variabilidade de radiación solar. Segundo informa o ourensán Juan Antonio Añel e reflicten fontes do centro compostelán, as simulacións da incidencia da actividade solar nos climas "requiren modelos climáticos moi detallados para aplicar diferentes condicións de radiación solar", o que supón un uso intensivo dunha gran capacidade de cálculo como a do supercomputador Finis Terrae do CESGA. Este proxecto, sinálase, é un dos máximos consumidores de horas de cálculo do centro.
O doutor Añel subliña que "a novidade do noso proxecto é que non había simulacións que incluíran estes efectos de forma realista sobre o clima do futuro cun modelo a esta escala, e as que se realizan no CESGA empregan escenarios do IPCC pero aplicándolles distintas cifras de radiación solar para ver como un menor quecemento da atmosfera de orixe solar podería compensar o xerado pola humanidade”.
Segundo engade o centro, non está previsto que as simulacións se integren nas análises do IPCC, xa que nestas contémplanse modelos climáticos que deben ser comparables e habería que realizar o mesmo proceso con todos eles, pero si se contempla o seu uso en informes da Organización Meteorolóxica Mundial sobre comparación entre modelos de evolución do clima terrestre. A maior parte dos resultados do proxecto, como dixemos, obteranse ó longo do ano 2013.

PUBLICIDADE