O CDTIC amosa nun seminario as vantaxes e utilidades do software libre no ámbito gráfico

luns, 7 de decembro do 2015 Redacción

O Centro Demostrador TIC vai acoller esta semana, o xoves 10 de decembro, unha actividade destinada a expoñer perante profesionais e empresas a gran listaxe de recursos que fornece o software libre na actualidade para os ámbitos da imaxe, o deseño gráfico e a edición. O seminario Unha imaxe vale máis que mil palabras. Aprende a creala con ferramentas libres impartirase da man da cooperativa gráfica Sacauntos nas instalacións do centro demostrador de AMTEGA en horario de 16.00 a 19.00 horas. Segundo informa a axencia nun plano máis concreto, o obxectivo é dar a coñecer as potencialidades e vantaxes de ferramentas como Inkscape, Scribus e GIMP. Trataranse temas como os custes das mesmas (por debaixo sempre dos programas privativos), as fortalezas e as limitacións destas solucións e daranse consellos prácticos para os envíos á imprenta.
Este seminario está destinado sobre todo a profesionais e persoas afeccionadas ao deseño gráfico e do mundo da edición; persoas que precisen crear publicacións, carteis ou folletos; persoas interesadas en autoeditar contidos; e a todos aqueles “aos que lles guste facer as súas propias creacións”. O encargado de impartir a sesión será Denís F. Cabrera, deseñador gráfico desde 2005 e membro de Sacauntos Cooperativa Gráfica e Urco Editora. Este seminario realízase en colaboración con AGASOL, a Asociación de empresas de Software Libre de Galicia.

PUBLICIDADE