O CDTIC acolle os días vindeiros dous completos seminarios sobre Drupal

luns, 8 de setembro do 2014 Redacción

O Centro Demostrador TIC acollerá os días vindeiros dous seminarios sobre o xestor de contidos Drupal: Administración básica de Drupal e Administración avanzada de Drupal. Ámbolos dous impartiranse en horario de 16.00 a 20.00 horas, os días 11 de setembro e 1 de outubro, respectivamente. Segundo informa AMTEGA (responsábel do Centro Demostrador TIC), na primeira das sesións os participantes coñecerán os fundamentos de Drupal 7 e aprenderán a montar desde cero e a xestionar unha páxina web utilizando este sistema de xestión de contidos.
Na segunda das sesións, a de administración avanzada, os asistentes afondarán no emprego e configuración do dito sistema de xestión con características avanzadas. Nos dous seminarios disporase dun equipo informático para pór en práctica os conceptos e as ferramentas descritas na clase.
Os principais destinatarios desta actividade son os profesionais TIC, os responsábeis de xestionar as páxinas web das empresas, os autónomos etc. que queiran crear unha páxina web en Drupal ou ben xa administran unha e desexan afondar na súa utilización e na incorporación de máis funcións. O encargado de impartir as sesións será Christian von Eitzen, enxeñeiro superior de Telecomunicacións que, desde o ano 1999, traballa desenvolvendo e dirixindo proxectos, e sendo responsábel de diferentes sistemas web, comercio electrónico e plataformas en Internet.
Segundo engade AMTEGA, “a demanda entre as pequenas e medianas empresas galegas superou nun 100 % as prazas ofertadas para participar no primeiro dos seminarios, o que dá conta da excelente acollida da iniciativa entre os profesionais TIC e os xestores web das empresas, colectivos para os cales están destinadas estas dúas sesións sobre Drupal”. Co gallo disto, e tendo en conta o interese xerado pola primeira das sesións, prevese repetila en Vigo ao longo do último trimestre do ano. Tanto o primeiro dos eventos como o segundo, o avanzado.
Lembrar que Drupal é un marco de xestión de contidos ou CMS (polas súas siglas en inglés, Content Management System) libre e modular multipropósito que permite publicar artigos, imaxes, arquivos e outras cousas ou outros arquivos e servizos engadidos como foros, enquisas, votacións, blogs e administración de usuarios e permisos.

PUBLICIDADE