O Boletín Galego de Literatura, en dixital

xoves, 8 de maio do 2014 Redacción

A revista Boletín Galego de Literatura vén de comezar a súa andaina dixital. Así nolo conta a Universidade de Santiago, que lembra que estamos ante unha publicación nada en 1989 por Anxo Tarrío, catedrático de Literatura Galega, que segue á fronte da súa coordinación e lanzamentos. A arribada do boletín ao formato dixital, máis polo miúdo ao portal en liña de revistas da USC, sitúa en dezanove as achegas dixitais do catálogo universitario.
O volume recentemente editado que supón a estrea da nova andaina dixital da revista non podía ser un volume máis propio para a ocasión. Trátase do número 46 do boletín, un monográfico coordinado por María Teresa Vilariño Picos que baixo o título Textos a escape conságrase á literatura e a cultura na era dixital. O volume 47, pola súa banda, xa ten aberto o prazo para a recepción de artigos.
Segundo engade a USC, o boletín edítase en acceso aberto, integramente redactado en lingua galega. Con esta incorporación son xa dezanove as revistas da USC que se editan dixitalmente, seis delas en acceso aberto diferido (seis meses) e as restantes en acceso aberto nativo.

PUBLICIDADE