O Battlefront II clásico recupera o seu multixogador

martes, 3 de outubro do 2017 Marcus Fernández

O vindeiro 17 de novembro chegará a PS4, Xbox One e PC o xogo Star Wars: Battlefront II, que curiosamente non é o primeiro xogo con ese título, xa que en 2005 tamén tivemos un Battlefront II que vén de sorprender nas pasadas horas ao recibir unha actualización que activa o seu modo multixogador (pechado hai anos) engadindo tamén xogo cruzado entre usuarios de GOG Galaxy e Steam, de xeito que tanto os vellos compradores do xogo en formato dixital como os que acudan hoxe a mercalo en GOG (onde está a un prezo promocional de 3,39 euros) poderán xogar en rede, recuperando este xa clásico, o que pode resultar un interesante exercicio antes de dar o salto á edición que chegará de cara á campaña de Nadal.
Star Wars: Battlefront II non só saíra para PC, senón que tamén contara con versións para PS2, PSP e Xbox, o que dá unha idea do moito que pasou dende o seu lanzamento, xa que incluso houbo toda unha xeración de consolas intermedia entre a saga orixinal e o seu relanzamento.
O xogo clásico é bastante variado, dando a oportunidade de participar en combates espaciais, encarnar a cabaleiros Jedi e participar en batallas recoñecibles polos seareiros da triloxía cinematográfica orixinal (así como da triloxía seguinte), o que era unha grande oportunidade para rememorar enfrontamentos bélicos e naves, e ver a batalla dende ambos bandos.

No xogo poderemos tomar o rol dun stormtrooper ou dun cabaleiro Jedi

PUBLICIDADE