O BNG comprométese a apoiar o software libre no Parlamento Europeo

martes, 2 de xuño do 2009 Raquel Noya

Ana Miranda, a cabeza de lista do BNG ás eleccións ao Parlamento Europeo, vén de asinar, en calidade de candidata do partido nacionalista, a Free Software Act, unha iniciativa en favor do uso do software libre iniciada dende o Parlamento Europeo, que apoia firmemente en nome do seu partido.
Miranda, que entende que “o traballo das xentes do software libre desempeña un papel fundamental na preservación de liberdades esenciais da era dixital”, asegura que “o software libre é un ben común, que debe ser protexido e fomentado, posto que”, engadiu, “contribúe ao desenvolemento de pequenas e medianas empresas tecnolóxicas, tanto galegas como estatais, fronte ás grandes multinacionais de Estados Unidos que acaparan o mercado das licenzas protexidas”.
A candidata do BNG, quen aposta polas aplicacións abertas como fonte importante de aforro para as administracións públicas, vén de comprometerse a “apoiar as políticas activas a favor do software libre” así como a “oporse a toda discriminación na súa contra”.
Asemade, Ana Miranda asegurou ter o compromiso firme de defender os dereitos tanto dos autores como dos usuarios de software libre e de oporse a calquera tipo de lexislación “que debilite estes dereitos”.
A voz do partido nacionalista galego en Europa asegura que Mancomun, o Centro de Referencia do Software Libre que creou o BNG dende a Xunta de Galiza, “debe ser un exemplo a seguir para a promoción do software libre no noso país”, tal e como o recoñeceron no seu día dende a propia Unión Europea.

PUBLICIDADE