O BBC iPlayer xa funciona na Nintendo Wii

xoves, 10 de abril do 2008 Marcus Fernández

A BBC está a facer un esforzo importante para achegar os seus contidos aos espectadores con independencia da plataforma audiovisual que empreguen, polo que o seu iPlayer xa funciona vía web e mesmo no iPhone, pero coma non é habitual que os usuarios conecten o seu ordenador ao televisor do salón, decidiron chegar ao mesmo a través das consolas de videoxogos, e veñen de estrear unha adaptación do seu reprodutor de vídeo para a Nintendo Wii.
Os usuarios británicos que conten co Canal Internet da Wii (que desafortunadamente custa 500 Wii Points) poden acceder ao BBC iPlayer para ver os contidos da canle televisiva de balde.
Dende o lanzamento o pasado Nadal do BBC iPlayer xa se distribuíron a través desta plataforma máis de 42 millóns de programas, o que indica o interese crecente do acceso a contidos á carta, e agardan que a Wii aínda incremente máis o consumo audiovisual por esta vía.
Para que os vídeos seu puidesen ver na Wii os técnicos da BBC tiveron que aproveitar o soporte de Flash 7 da consola de Nintendo, o que os forzou a transcodificar os contidos a 820 Kbps co codec Sorenson Spark (pois a compresión habitual a 500 Kbps que utilizan na versión para PC non é suficiente para o vello codec empregado na Wii).
A versión para Wii do BBC iPlayer aínda está en probas, pois aínda están a traballar para que funcione coa maior calidade posible para goce dos usuarios das 2,5 millóns de Wii que hai no Reino Unido.
O BBC iPlayer só funciona dende Reino Unido, e RTVE ten pensado facer un servizo semellante a partir do vindeiro verán. Agardamemos que no caso español coiden tanto a súa adaptación a múltiples plataformas.

PUBLICIDADE