O Ateneo Ferrolán organiza unhas completas xornadas sobre software libre

mércores, 21 de outubro do 2009 Fernando Sarasketa

En ausencia de meirande firmeza do novo Goberno galego en materia de compromiso a prol do software libre (e a falta de apoio a iniciativas tan exitosas como Mancomún é un exemplo disto), semella que a nosa comunidade de usuarios e desenvolvedores de open source vai seguir adiante, contra vento e marea, no seu compromiso por informar das moitas vantaxes deste tipo de programación. Se nesta mesma web estamos a falar xa das vindeiras actividades do GPUL na Facultade de Informática da Coruña, agora toca facer mención duns novos encontros a desenvolver os próximos días no Ateneo Ferrolán, de novo arredor do software libre.
Máis polo miúdo, trátase duns encontros a celebrar os días 28, 30 e 31 de outubro, todas as actividades inseridas nas Xornadas GNU/Linux, xornadas que tal e como o seu nome indica van dirixidas á promoción deste sistema.
As sesións contará cun extenso abano de contidos a distribuír desta maneira:
· Mércores 28 de outubro: "Sen medos que é libre"
GNU/Linux: O proxecto GNU e o núcleo Linux.
Software libre: Filosofía e licenzas libres.
A comunidade: grupos de usuarios e participación.
Vantaxes e compatibilidade: En ocasións non todo funciona.
Distribucións: A variedade está chea de posibilidades.
Entendendo GNU/Linux: Usuarios, grupos, permisos, sistema de ficheiros, cartafoles...
Escritorios: Gnome, KDE e moitos outros...
Recursos en rede: Descarga, instalación e actualización.
· Venres 30 de outubro: "Festa de instalación"
Obradoiro de instalación de GNU/Linux(Calquera pode levar o seu computador e un cable de rede para aprender a instalalo)
· Sábado 31 de outubro: "Máis a fondo"
Instalación de aplicacións e repositorios.
Libre ou non libre: Códecs, controladores e engadidos.
Aplicativos e equivalencias libres: Ofimática, redes, gráficos, multimedia, xogos... e todo o que precises.
Configuración de redes con e sen fíos.
Emuladores e máquinas virtuais.

PUBLICIDADE