O Ai Pin de Humane quere que digamos adeus ao smartphone

venres, 10 de novembro do 2023 Marcus Fernández

O Ai Pin venderase en 3 cores distintas

A filtración publicada por The Verge sobre o Ai Pin de Humane resultou ser moi precisa, e finalmente presentouse este dispositivo chamado a substituír o smartphone, que poderá reservarse a partir do vindeiro día 16 e que comezará a chegar aos usuarios a primeiros de 2024 a un prezo de 699 dólares ao que habería que engadir unha cota mensual de 24 dólares para poder gozar de conectividade a través do operador T-Mobile, ou sexa, que polo momento falamos dun dispositivo limitado a EE.UU., aínda que con pretensións de comercializarse globalmente no futuro.
O Ai Pin é basicamente un smartphone sen pantalla, que busca interactuar principalmente co usuario mediante a voz, aínda que tamén conta con certo control por xestos e unha pantalla de tinta láser (integra un proxector para que poidamos ver algunha información na palma dunha man), sendo un dos grandes cambios que ten con respecto a un teléfono móbil que non conta con aplicacións tradicionais, senón con experiencias de intelixencia artificial.
As semellanzas do Ai Pin cos asistentes de voz dos móbiles é evidente, só que neste caso, en vez de utilizar unha palabra de activación hai que invocar ao dispositivo de Humane premendo sobre o seu touchpad cun dedo, mentres que se empregamos dous dedos activaremos a funcionalidade de intérprete. Este touchpad tamén acepta xestos para responder chamadas, controlar o volume ou capturar un momento.
Aínda que este trebello funciona co sistema operativo Cosmos, cómpre dar conta de que realmente é a tecnoloxía de GPT-4 a que dá a intelixencia a este dispositivo que revoluciona a nosa relación coa tecnoloxía humanizándoa e simplificándoa, xa que pode solicitarse información á IA, ou incluso pedirlle que resuma correos electrónicos, que achegue información nutricional sobre os alimentos que temos diante ou que escolla a música máis axeitada en función da actividade que esteamos a realizar. Tamén facilita a mensaxería sen ter que empregar un teclado.
Dentro da tendencia humana do Ai Pin tamén destacan que, dado que levamos o dispositivo prendido na roupa, enfocando cara ao que temos diante, pode empregar a súa cámara para capturar momentos en mans libres, permitindo así que os vivamos e non que os vexamos a través da pantalla do móbil.
Unha proposta bastante interesante, baseada nun trebello de só 47,5 x 44,5 milímetros e 34,2 gramos que levarmos na roupa (cun clip ou cunha placa magnética) que conta cun accesorio semellante en tamaño (pero cun peso de só 20,5 gramos) que serve para ampliar a súa batería (algo moi importante, pois está claro que é un dispositivo que debe ter autonomía para todo o día).
O Ai Pin integra unha cámara de 13 Mpíxeles cun campo de visión de 120 graos (apoiada por un sensor de profundidade); o seu proxector láser ten unha resolución de 720p e funciona a unha distancia de entre 20 e 40 centímetros; inclúe unha luz de confianza para que a xente saiba o que está a facer o trebello (p.ex., préndese en verde se toma unha foto, en morado se usa o teléfono ou en laranxa se ten activo o micrófono); os seu micrófono dual adáptase ao contexto e serve para realizar chamadas de voz; integra un altofalante que tamén pode empregarse para chamadas telefónicas; fai uso dun procesador Qualcomm Snapdragon a 2,1 GHz con 4 GB de RAM e 32 GB de almacenamento eMMC; inclúe conectividade móbil 4G (eSIM), Wi-Fi 5, Bluetooth 5.1 e GPS.
Queda agora por ver se este trebello é dabondo como para permitir prescindir dun smartphone no noso día a día ou se, pola contra, son os propios smartphones os que acaban competindo con el nas súas mesmas funcións, xa que a integración da IA nos móbiles promete ser un dos fenómenos que marcará o ano 2024.

<script src="https://player.vimeo.com/api/player.js"></script>

Vídeo de presentación do Ai Pin de Humane

PUBLICIDADE