O 70,3% dos fogares galegos dispoñen xa de Rede de banda larga

martes, 8 de setembro do 2015 Redacción

Temos novos datos sobre o espallamento e afianzamento da Rede na nosa terra. Trátase do informe Diagnóstico sobre a Sociedade da Información nos fogares galegos, feito polo Observatorio da Sociedade da Información de AMTEGA. Entre outras informacións, sinálase que no período comprendido entre 2010 e 2014 medraron nun 51% os fogares galegos en con Internet de banda larga contratada, unha cifra que arestora sitúase no 70,3% do total de domicilios da nosa terra. O incremento da devandita taxa no último ano foi do 7,7%. Estes números, sinala AMTEGA, sitúan a Galicia a menos de tres puntos da media estatal.
“Nos últimos catro anos”, engádese, “a Comunidade recortou de xeito significativo a fenda dixital coa media estatal e europea nos principais indicadores de acceso e uso das TIC nos fogares galegos.” Amosado en números, o 71,5% dos fogares galegos dispón de ordenador, porcentaxe que aumentou un 16,1% no período 2010 – 2014. A diferenza entre a media galega e a estatal pasou de 7,1 puntos no 2010 aos 3,3 da actualidade.
Ademais, un 69,3% da poboación galega utilizou Internet nos últimos tres meses, experimentando un crecemento do 6,9% no último ano. O estudo do OSIMGA confirma que a presenza de nenos no fogar, o maior tamaño do hábitat, o nivel de estudos e de ingresos son factores determinantes no uso das TIC. Así, a contratación de Internet en fogares con nenos en idade escolar obrigatoria sitúase no 87,5%, máis de 22 puntos porcentuais que nos fogares sen nenos. Respecto ao hábitat, reflíctese no informe todos os núcleos de máis de 10.000 habitantes superan a media galega de contratación a Internet, “e no caso dos núcleos de máis de 50.000 sitúanse por riba da media estatal”. Por outra banda, engádese, “no último ano os núcleos de menos de 5.000 experimentaron un incremento de 7 puntos porcentuais, chegando ao 52,4% de fogares con internet contratado”. A enquisa tamén achega datos sobre as principais razóns que se argumentan en contra de non contratar servizos de Internet: que “non se necesitan” (43,8%) que “non queren” (41,9%) ou que “téñense poucos coñecementos para usalo” (36,7%). En cuarto lugar estaría “o alto custo da conexión” (34,5%).
Respecto do comercio electrónico e do seu afianzamento, a investigación informa que case a terceira parte da poboación da nosa terra adquiriu algún ben ou servizo a través de Internet nos últimos tres meses, 2 puntos por riba do conxunto do Estado, incrementándose un 17,5% no último ano. Os fogares cun só membro son os que máis realizan compras en liña, engádese, “cunha porcentaxe do 33,9%, unha cifra que vai diminuíndo a medida que aumenta o número de persoas no fogar, acadando un 19,6% nos fogares de 5 ou máis membros”.
O noso país tamén salienta na interacción coas Administracións Públicas a través de Internet, “por riba da media estatal e europea”, informa o observatorio OSIMGA, que engade que “o 64,7% dos internautas galegos obtivo información das páxinas web institucionais nos últimos doce meses, superando xa a media estatal e europea en 4,7 e 13,7 puntos porcentuais, respectivamente”.

PUBLICIDADE