O 13 de novembro terá lugar a I Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

luns, 26 de outubro do 2009 Marcus Fernández

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrará os seus 2 anos de vida o vindeiro 13 de novembro no Hostal dos Rei s Católicos (Santiago de Compostela) celebrando a I Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, evento no que farán entrega dos galardóns de Colexiado de Honra, así coma os premios á Traxectoria Profesional e ao Proxecto Innovador.
Os galardóns de Colexiado de Honra recaerán en Jesús Vázquez Abad, actual conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, polo apoio á regulación dos estudos e da profesión de Enxeñaría Informática durante a súa traxectoria como deputado no Congreso; e nos presidentes da Asociación de Enxeñeiros en Informática (AEIG) nas súas diferentes etapas: Javier Rodeiro Iglesias, Gabriel Ferreiro Pena e Jesús Rodríguez Castro.
O Premio á Traxectoria Profesional recaeu en Javier García Tobío, que dende 1998 dirixe o Centro Superior de Computación de Galicia (CESGA); mentres que o recoñecemento de Proxecto Innovador vai para o sistema de e-Receita desenvolvido polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS).
Á I Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia están convidados os preto de 300 colexiados (e acompañantes), que deberán formalizar a súa inscrición en liña. Os colexiados interesados en asistir pagarán 20 euros por persoa, mentres que os non colexiados pagarán 200 euros/persoa.

PUBLICIDADE