Novos detalles sobre Marvel vs Capcom 3

luns, 10 de maio do 2010 Marcus Fernández

A recuperación da saga de Marvel vs Capcom está a ser recibida con moita expectación, de xeito que os afeccionados aos xogos de loita están pendentes da información sobre os loitadores que se enfrontarán no Marvel vs Capcom 3: Fate of Two Worlds, así coma das características do xogo, do que xa sabemos que empregará o motor gráfico MT Framework e seguirá os pasos do Street Fighter IV, ao amosar uns gráficos con certa tridimensionalidade pero respectando unha mecánica 2D.
Xa hai algunha imaxe do xogo, extraída da revista Game Informer, onde tamén confirman que, aparte de Ryu, Morrigan, Chris Redfield, Hulk, Lobezno e Iron Man, tamén aparecerán no xogo o Capitán América, Masacre, Dante (Devil May Cry) e Felicia (Darkstalker), o que non é moita sorpresa, pois estes personaxes xa se deixaban entrever coma sombras nun cartel promocional.
É de agardar que nos vindeiros meses vaiamos coñecendo detalles deste xogo que non chegará ata 2011.

Na revista Game Informer podemos ver cómo sería o enfrontamento entre Morrigan e Iron Man no Marvel vs Capcom 3

PUBLICIDADE