Novos detalles sobre Batman: Arkham Knight

mércores, 5 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Grazas a que os subscritores en formato dixital á revista Game Informer poden descargar dende hoxe o número de abril, sabemos xa numerosa información sobre o xogo Batman: Arkham Knight que ocupa a súa portada, que van dende detalles da súa historia ata as súas mecánicas de xogo, dando a impresión de que a saga do cruzado da capa vai pechar de xeito maxistral.
Un detalle a destacar é que, aínda que con Batman: Arkham Origins volvésemos atrás no tempo, cunha historia anterior incluso a Batman: Arkham Asylum, desta volta a historia situarase un ano despois do acontecido en Batman: Arkham City, cunha cidade de Gotham evacuada por mor dunha serie de bombas cunha nova variedade de toxina do medo do Espantallo, de xeito que Batman deberá ir directo ao perigo para enfrontarse a moitos dos seus inimigos, que xuntaron forzas ante un inimigo común. Dado que Origins foi outra doutro estudio, dende Rocksteady consideran que estamos ante o peche dunha triloxía, e como tal buscan por un grande final á historia. Un detalle que mantén esta continuidade por parte de Rocksteady é que retoman o actor de dobraxe (Kevin Conroy) que daba voz a Batman nos dous primeiros xogos da saga.
Unha das novidades máis comentadas deste xogo é que finalmente poderemos conducir o Batmóbil, e finalmente sabemos por que non se puido facer antes: ao parece, o xogo ocupa en memoria 160 Mbytes, facendo imposible que puidese incorporarse a un xogo de Xbox 360 ou PlayStation 3, pero agora que o xogo chegará só para consolas de nova xeración e PC este atranco desaparece, e por fin poderemos reproducir a experiencia completa de encarnar ao cabaleiro escuro.
Entre os inimigos, está confirmada a presenza do Pingüín, Dúas Caras, Harley Quinn, o Espantallo e Riddler, á vez que presentarase a un novo arqui-inimigo do que non dan detalles, pero que algunhas pistas presentes no primeiro trailer do xogo apuntarían a que podería ser Hush, personaxe creado en 2003 e cunha profunda relación coa familia Wayne, o que o converteu nunha das principais ameazas para Batman.

Confirmouse a presenza de Harley Quinn no novo xogo de Batman

PUBLICIDADE