Novo estudo para demostrar que non hai relación entre as antenas e o cancro

xoves, 24 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

O problema das antenas de telefonía non é só vivir preto delas, senón tamén velas. Esta última sería, se temos en conta o que di un novo estudo sobre os hipotéticos efectos de aquelas sobre a saúde, a principal razón do seu rexeitamento, xa que, sinalan, segundo as probas efectuadas non hai nada que demostre que producen cancro. Sen metérmonos na vella lea de se producen ou non producen e deixando de lado o moi contraditorio do asunto (tanto de quen di que son malas pero quere ter bos servizos de telefonía, coma de quen sostén que son boas pero non permitiría unha antena onde xogan os seus nenos), a verdade é que a investigación ten o seu interese. Sobre todo, pola información que dá de xeito indirecto sobre os nosos hábitos non tecnolóxicos, en ocasións tan malos como vivir coa cabeza debaixo dunha antena.
O estudo en cuestión, reflectido por ADSLZone, foi realizado por investigadores do Imperial College de Londres e, entre outras cousas, pon de manifesto que as cidades de hoxe en día, con antenas ou sen elas, son acubillo de todo tipo de doenzas e dende as idades máis temperás. Na investigación analizáronse até 7.000 nenos de catro anos de idade para abaixo e destes, 1.400 tiña algún tipo de cancro.
Malia o que poida parecer, e logo de tomar nota da distancia que media entre os fogares onde viven e as antenas, constatouse que non había relación. Así, tanto uns nenos coma outros (tanto os afectados coma os sans) compartían os mesmos valores de radicación e de contacto cos devanditos equipamentos.
Con todo, o estudo en cuestión non semella todo o tranquilizador e definitivo que debera ser, por moito que en elmundo a xinecóloga María Jesús Cancelo sosteña que lanza unha mensaxe tranquilizadora, cousa curiosa se temos en conta que de 7.000 nenos tratados, polas razóns que foran, 1.400 tiñan cancro, dato que será moitas cousas pero non tranquilizador.
A investigación tampouco poderá frear, case con toda probabilidade, a vaga de protestas en todo o mundo contra a instalación de antenas, algunhas tan recentes e próximas como a levada a cabo hai pouco no concello coruñés de Val do Dubra. Asemade, semella que ten poucas posibilidades de solucionarlle o problema á Organización Mundial da Saúde, que recentemente recoñeceu que cómpre seguir investigando, xa que o acadado até o de agora é difícil de interpretar, sobre todo ao concorrer nos estudos mostras miúdas de persoas.

PUBLICIDADE