Novas dende XGN: xa está toda a mocidade no seu posto de mando

venres, 30 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

A oitava edición de XGN xa está en marcha e os asistentes identificados e nos seus postos de mando (ó que estarán máis ou menos ancorados ó longo de 52 horas) do Pazo de Congresos en Santiago. Para os que non saiban aínda (!) a estas alturas en que consiste, dicirlles que XGN é un encontro informático para a mocidade. Concretamente, para 1.500 mozos de toda Galiza e de Madrid, Euskadi, Asturias ou tamén Cataluña. Todos os participantes teñen á súa disposición unha rede de alta velocidade, amais de concursos, relatorios e mesas redondas. Segundo apunta a organización, “as actividades esenciais xiran arredor dos últimos avances tecnolóxicos, o lecer e o computador como ferramenta creativa”. É dicir, arredor de todo aquilo que non teña o seguinte punto de partida: mercar un equipo informático para xogar ó solitario. Ás conferencias está previsto que acudan senlleiros profesionais relacionados co eido da informática, co fin de que lles acheguen ós rapaces información sobre os aspectos máis actuais da Sociedade do Coñecemento.
Segundo o visto ó longo destas primeiras horas do encontro, a Dirección Xeral de Xuventude estima que a participación (tanto das persoas inscritas como dos visitantes en xeral) vai ser máis elevada ca nunca. Asemade, a organización valorou de xeito moi positivo o labor dos equipos que están a coordinar a xuntanza.
Novidades
Segundo apunta a organización, Xuventude Galiza Net presenta este ano tres grandes novidades con respecto ás anteriores edicións: o fomento do uso das novas tecnoloxías ás persoas maiores, a presenza de responsables de recursos humanos de empresas vinculadas ás novas tecnoloxías para contactar cos mozos e mozas, e por último, unha especial atención aos temas relacionados coa robótica.
Así, na edición deste ano existe un espazo dedicado especialmente ás persoas maiores, que poderán acceder ao mundo das novas tecnoloxías a través de actividades específicas deseñadas para eles. Cen maiores procedentes de centros dependentes da Vicepresidencia estarán conectados a internet entre as 12,00 e as 18,00 horas do sábado e do domingo. O obxectivo é promover un intercambio interxeracional entre os mozos e os maiores.
En XGN 07 estarán tamén estes días responsables de empresas relacionadas coas novas tecnoloxías co obxectivo de que os participantes poidan presentar os seus currículos e facilitarlle así o acceso ao mundo laboral. Neste senso tamén se inscribe a iniciativa da empresa galega Blue Sens, que decidiu premiar cun contrato laboral aos gañadores de dous dos concursos que les promoven.
Outra das novidades destacadas deste ano é a importancia da temática relacionada coa robótica. Contarase con dous robots móbiles da Universidade de Vigo, que farán demostracións no marco do encontro, ademais de organizarse unha conferencia sobre A robótica presente e novos horizontes.
Podemos ver o programa destes días detallado polo miúdo neste apartado da web de Xuventude Galiza Net.

PUBLICIDADE