Nova web a prol dos dereitos dos animais: granjasdeesclavos.com

luns, 23 de abril do 2007 Raquel Noya

A Organización Igualdade Animal, no seu labor de procurar un mundo máis xusto para as especies máis desfavorecidas polo maltrato e a explotación animal, vén de presentar unha nova proposta web, granjasdeesclavos.com, na que afonda nos temas que máis descoñece a sociedade consumista en relación ós animais que, cada día, son tratados do xeito máis cruel en matadoiros e barcos pesqueiros.
Como son, que lles gusta facer, que capacidades teñen ou como é a vida destes animais até seren sacrificados para o consumo humano son algunhas das ligazóns que se poden premer nesta web, na que non faltan fotografías dos procesos, vídeos (aínda en actualización) ou arrepiantes entrevistas a persoas directamente relacionadas con este mercado, que narran en primeira persoa o que é traballar nun matadoiro.
Empregando cifras da propia industria, estatísticas oficiais e textos extraídos dos manuais de “zootecnia”, os responsables da web pretenden “non deixar ningún aspecto sen expoñer” acerca das vítimas da explotación animal e aseguran que grazas á información que ve a luz na súa páxina e que é exposta ó resto da sociedade, “poden axudar a estas especies a mellorar a súa calidade de vida” e, en caso de non evitar a súa morte, polo menos que esta sexa o máis digna posible.

PUBLICIDADE