Nova edición do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre

luns, 23 de xullo do 2018 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de convocar a nova edición, a número once, do seu recoñecemento específico para iniciativas baseadas en tecnoloxías libres feitas polas nosas e os nosos estudantes. Estamos a falar do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre, que ten aberto o prazo de presentación de candidaturas até o 2 de outubro e está dotado con 2.250 euros. En palabras de AMTEGA, ten “o obxectivo de achegar aos universitarios galegos ao software libre e ás posibilidades de emprego que lles pode abrir a publicación ou colaboración ao abeiro deste tipo de ferramentas”.
Como dixemos, o premio está dotado con 2.250 euros, repartidos nun primeiro galardón de 1.500€ e nun segundo de 750 euros, grazas á achega do Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG), e do Grupo de programadores e usuarios de Linux (GPUL), respectivamente. Ambas entidades son patrocinadoras do premio no marco do convenios de colaboración asinados coa AMTEGA para a realización de actividades de promoción do Software Libre en Galicia.
Pode optar ao premio calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu proxecto de fin de carreira, traballo de fin de grao ou traballo de fin de mestrado cunha nota mínima de 5, nalgunha das convocatorias do ano académico 2017-2018.
Os requisitos que deben cumprir estes traballos son: ter sido realizados cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación e ter publicado o software desenvolvido durante o proxecto cunha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative. Así mesmo, tamén poden participar proxectos que fagan uso de hardware libre.
Toda a información sobre como participar está dispoñíbel na páxina do premio dentro do portal Mancomún. www.mancomun.gal/premiopfc. Ademais, para calquera consulta pode contactarse coa organización do premio, tanto a través da Oficina de Coordinación de Software Libre da AMTEGA como da Oficina de Software Libre do CIXUG.

PUBLICIDADE