Nintendo presentou a sucesora da Wii no E3

martes, 7 de xuño do 2011 Marcus Fernández

Reggie Fils-Aime prometeu que Nintendo está a pensar en todos os públicos ao abrir a súa presentación no E3

Esta tarde tivo lugar a conferencia estelar do E3 deste ano, xa que Nintendo presentou non só as súas actividades de celebración do 25º aniversario da saga The Legend of Zelda e as novidades que teremos para a Nintendo 3DS non vindeiros meses, senón tamén a nova consola doméstica da compañía, a Wii U.
No tocante a Zelda confirmouse que o xogo The Legend of Zelda: Skyward Sword para Wii chegará ás tendas antes de rematar o ano coa posibilidade de adquirir un mando dourado co xogo (en homenaxe ao cartucho dourado do primeiro xogo da saga) e que para a Nintendo 3DS on só teremos en breve o Ocarina of Time, senón que en setembro será posible descargar de balde Zelda Four Swords vía eShop, o que é un agradable agasallo para os seareiros de Link que teñan unha DSi ou unha 3DS (supomos que é unha adaptación do xogo que chegou a GameCube e Game Boy Advance en 2005 e que permite cooperar a 4 xogadores simultáneos).

O 25º aniversario de Zelda celebrouse cunha posta en escena musical, e anunciouse que Nintendo organizará concertos semellantes por todo o mundo durante os vindeiros meses

A Nintendo 3DS tampouco vai quedar nun segundo plano, e nos vindeiros meses veremos que a nova portátil conseguirá conquistar ao seu público grazas ao seu completo catálogo de xogos, dos que deixaron ver algúns como un novo Mario Kart cargado de novidades, un sorprendente Luigi’s Mansion 2 (que non será unha revisión do título que chegara a GameCube, senón que estaremos ante un xogo totalmente orixinal que aproveitará as posibilidades da 3DS), confirmouse que StarFox 64 3D podería chegar á 3DS en setembro, tamén lémbrase que este ano teremos Kid Icarus: Uprising e deixan ver en movemento un impresionante Super Mario en 3D que vén a ser unha mestura entre Super Mario 64 e Super Mario Galaxy (agardando que tamén chegue ao mercado este ano), e algúns xogos que non se anunciaran previamente como Tekken e Ace Combat.


Trailer de Luigi’s Mansion 2 visto no E3


Trailer do novo Super Mario en 3D
O presidente de Nintendo América, Reggie Fils-Aime tamén anunciou que a través da actualización de balde da 3DS chegará a aplicación Pokédex 3D, que permitirá coleccionar criaturas Pokémon dun xeito moi especial (tirando proveito das prestacións da Nintendo 3DS), e ata o 7 de xullo ofrecerán de balde o xogo NES Excitebike.

A Wii U será a nova consola doméstica de alta definición de Nintendo

Fils-Aime tamén explicou que o nome da súa consola doméstica resultaba ridículo no seu día, pero o público pronto identificou a Wii coa palabra We (Nós en inglés) polo que decidiron seguir na mesma liña engadíndolle ao final un U (que sona como Ti en inglés), de xeito que a Wii U será a grande aposta de Nintendo para 2012, chegando como unha potente consola de alta definición que, aparte de ser retrocompatible (funcionará tanto cos xogos como cos periféricos da Wii) sorprende por incluír un mando cunha pantalla de 6,2 polgadas con prestacións táctiles.
Esta pantalla secundaria pode aproveitarse para amosar información que non pode verse no televisor, o punto de vista e a información tamén pode variar en función da súa orientación (incorpora un xiroscopio) e incluso poderá aproveitala un segundo xogador para experiencias cooperativas.

O novo mando da Wii U permitirá xogar cando estea ocupado o televisor

Tamén conta con mandos e botóns cunha disposición que lembra ao mándo clásico de Wii, función de vibración, micrófono, altofalantes e unha cámara frontal, facilitando a realización de videoconferencias.
Algúns xogos empregarán este mando como complemento, enriquecendo a experiencia de xogo, mentres que outros incluso permitirán que aproveitemos a súa pantalla para poder xogar cando estea ocupado o televisor do noso salón, aínda que cómpre destacar que non funcionará como unha consola portátil, senón que en realidade os xogos continuarán a correr na consola doméstica, só que os seus gráficos retransmitiranse sen fíos a este novo controlador, dando pé a novas posibilidades dun xeito sen precedente.


Trailer de presentación da Wii U


Avance dos xogos que están a prepararse para a Wii U

PUBLICIDADE