Nintendo presenta interesantes novidades para Switch

venres, 14 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Un novo Nintendo Direct anima o panorama das consolas de Nintendo, tanto da Switch como da 3DS, que manteñen un calendario de lanzamentos vivo, garantindo un longo futuro para unhas consolas nas que poucos confiaban tras a emerxencia dos smartphones e as tabletas, pero que demostraron que o mercado non rexeita as consolas tradicionais se veñen acompañadas de xogos de calidade.
Entre os novos anuncios temos que a Nintendo Switch recibirá en 2019 un novo Animal Crossing e unha terceira parte de Luigi’s Mansion (aínda sen título definitivo), mentres que a Nintendo 3DS recibirá un novo xogo de Kirby. Tamén se adiantou que o 19 de setembro será o lanzamento oficial do servizos de xogo en liña de pagamento Nintendo Switch Online, que incluirá un catálogo de xogos de NES como recompensa, así como a posibilidade de adquirir unha réplica dos mandos da NES que funcionarán sen fíos coa Switch.
Para completar o Nintendo Direct tamén amosaron xogos de Switch como Katamari Damaci REROLL, adaptacións dos xogos de mesa Pandemic e Carcassonne e unha chea de xogos da franquía Final Fantasy, como somo Final Fantasy VII, Final Fantasy XII The Zodiac Age e Final Fantasy XV Pocket Edition HD (estando este último xa dispoñible para a súa compra en dixital a un prezo promocional de 17,99 euros).
A guinda ao pastel púxoa a presentación dunha versión da Nintendo Switch do xogo Super Smash Bros. Ultimate¸ que vén a ser unha consola en cor gris decorada cos loitadores do xogo orixinal, incluíndo tamén o xogo en formato descargable. Estará dispoñible a partires do 7 de decembro, enfocándose claramente para a campaña de Nadal.

Vídeo co Nintendo Direct íntegro

PUBLICIDADE