Nintendo premia a compra de 3 xogos de 3DS cun cuarto título de balde

luns, 22 de abril do 2013 Marcus Fernández

Nintendo bota a andar mañá unha grande promoción para a súa consola portátil con pantalla 3D coñecida como ¡Tantos juegos! a través da que pretenden facilitar a elección entre os moitos xogos de calidade que están a chegar ás tendas, de xeito que destacan 8 títulos dos que, de rexistrar o usuario 3 dos mesmos, poderá solicitar un cuarto en formato descargable. A promoción comeza mañá ás 15:00 horas e rematará o 30 de xuño. Os xogos para os que está dispoñible esta promoción son Monster Hunter 3 Ultimate, Castlevania: Lords of Shadow - Mirror of Fate, Luigi’s Mansion 2, Fire Emblem: Awakening, Pokémon Mundo misterioso: portales al infinito, Animal Crossing: New Leaf, LEGO City Undercover: The Chase Begins e Donkey Kong Country Returns 3D, tanto nas súas versións físicas como descargables.
Para poder facerse co xogo descargable de balde para a Nintendo 3DS é preciso ter rexistrado antes no Club Nintendo 3 dos 8 xogos destacados, para despois poder premer nun banner promocional que figura na páxina web do devandito Club e seguir as instrucións en pantalla para poder conseguir o código de descarga do xogo que se desexe. É preciso ter como mínimo 16 anos de idade para acceder á promoción.

PUBLICIDADE