Nintendo e Sony levarán The Legend of Zelda aos cines

martes, 7 de novembro do 2023 Marcus Fernández

O filme de Super Mario Bros. superou todas as expectativas, superando unha recadación global de 1.362 millóns de dólares, polo que é evidente que Nintendo ía seguir apostando pola pantalla grande coas súas franquías, e agora confírmao anunciando que está a traballar nunha adaptación en acción real de The Legend of Zelda.
A película estará producida por Shigeru Miyamoto (a figura máis relevante de Nintendo, e creador de Zelda xunto con Takashi Tezuka) e Avi Arad (responsable de moitas adaptacións da Marvel a cine e televisión), e dirixida por Wes Ball (da saga El corredor del laberinto e da vindeira El reino del Planeta de los Simios).
O financiamento do filme realizarse a medias entre Nintendo e Sony Pictures, sendo esta última compañía a que distribuirá globalmente a cinta en cines.
Estamos ante un movemento bastante arriscado, xa que as adaptacións en acción real de videoxogos en poucas ocasións resultaron satisfactorias, e estragar a boa marcha da franquía de The Legend of Zelda cunha mala película podería deixar unha pegada difícil de borrar, como xa padeceron en Nintendo coa adaptación de Super Mario Bros. de 1993, da que nin sequera o seu protagonista, Bob Hoskins, quere escoitar falar.

PUBLICIDADE