Nintendo confirma o cesamento da fabricación da Wii no Xapón

luns, 21 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Coa chegada da PlayStation 4 e a Xbox One comeza unha nova xeración de consolas de videoxogos, e sendo conscientes do grande salto que vai dar o mercado dende Nintendo decidiron pechar unha porta e na súa páxina web xaponesa tras figurar durante varias semanas que a fabricación da Wii está programada para rematar en breve, agora aseguran que a produción da máquina rematou, ou sexa, que tras vender máis de 100 millóns de unidades en todo o mundo non volverá a fabricarse unha das consolas de máis éxito a nivel mundial (só superada pola Game Boy e a Nintendo DS), da que aínda queda stock para garantir a súa permanencia nas tendas durante varios meses pese a contar xa coa súa sucesora, a Wii U.
Temos agora un bo momento para destacar que a Wii foi unha consola que conseguiu un grande impacto cultural a nivel global, grazas en boa medida ao fenómeno de Wii Sports, xogo (que xunto a party games) contribuíu a que toda a familia puidese gozar das consolas sen velas como algo limitado a mozos e nenos, o que beneficiou a todo o sector en xeral.
Nestes anos de éxito a Wii recibiu grandes xogos como a saga Super Mario Galaxy, The Legend of Zelda: Twilight Princess, Super Smash Bros. Brawl, The Legend of Zelda: Skyward Sword e Xenoblade Chronicles, que demostraron que, pese a non estarmos ante unha consola con gráficos de alta definición, é posible publicar xogos de auténtico luxo, dos que sen dúbida beberán moitos outros para Wii U e futuras plataformas domésticas.

PUBLICIDADE