Nintendo aposta polas descargas nos seus xogos deportivos para Wii U

mércores, 18 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Nintendo continúa a realizar anuncios a través dos seus vídeos directos, e hoxe emitiu un Wii Fit U Direct, especial dedicado, como ben di o seu título, ao xogo Wii Fit U, que entre o 1 de novembro e o 31 de xaneiro contará cunha versión descargable de balde para Wii U, de xeito que os usuarios poderán probar todas as súas actividades de balde durante 31 días, para o que só precisan ter unha Balance Board (e unha Wii U conectada a Internet). Para poder eliminar as limitacións de tempo deste contido descargable chegará con sincronizar co xogo un Fit Meter (dispositivo que se venderá en tendas por separado).
Wii Fit U ofrece 77 actividades diferentes, entre os que figuran 19 adestramentos novos (dos que boa parte fan uso do Wii U GamePad), e que busca converter o adestramento físico nunha experiencia divertida e familiar. O accesorio que permite usar a aplicación de xeito ilimitado, o Fit Meter, é unha especie de podómetro que mide a nosa actividade física, pero rexistrando tamén a intensidade dos nosos movementos (distinguindo cando corremos ou camiñamos) e a altitude (para saber se subimos ou baixamos escaleiras) e que pode transferir os datos rexistrados á Wii U para poder levar conta da actividade diaria do usuario, animándoo a manterse activo.
Aparte da versión descargable de Wii Fit U tamén estará dispoñible en soporte físico en 2 lotes distintos: un co xogo en disco e co Fit Meter, e outro que inclúe tamén a Balance Board.
A Balance Board tamén poderá aproveitarse nunha actualización de Wii Street U, aplicación que emprega o servizo de Google Street View dende a Wii U, permitindo agora que paseemos polas rúas de todo o mundo camiñando sobre o mencionado accesorio.
Satoru Iwata aproveitou o Nintendo Direct de hoxe para dar conta de Wii Sports Club, xogo deportivo que chegará o 7 de novembro incluíndo os clásicos tenis e bolos entre os seus deportes, para incorporar máis adiante outras disciplinas deportivas como o boxeo, o béisbol e o golf. A idea deste título é que os xogadores poidan enfrontarse a través da Internet e formar clubs rexionais para competir en partidos amigables (con outros usuarios do mesmo club) ou contra membros de clubs rivais (para mellorar a posición do club nas táboas de clasificación). O xogo descargable adopta un modelo de negocio curioso, que consiste en permitir gozar de cada un dos deportes incluídos de balde durante 24 horas, para despois poder xogar a todos os deportes por 1,99 euros/día ou de xeito ilimitado a cada deporte (adquirindo unha subscrición de 9,99 euros por deporte).


Vídeo co Wii Fit U Direct de hoxe íntegro

PUBLICIDADE