Netflix podería chegar a España en xaneiro de 2012

xoves, 7 de xullo do 2011 Marcus Fernández

Este xoves o presidente de FAPAE, Pedro Pérez, anunciou que Netflix contactou con varios produtores españois para o seu desembarco en España o vindeiro mes de xaneiro. Pérez comentou que «Netflix rachou o xogo nos EE.UU. conseguindo 26 millóns de abonados ata a data e prevé acadar os 30 millóns antes de fin de ano con cidadáns que pagan unha cota entre 8 e 10 dólares ao mes».
Netflix mudou o xeito de consumir cine nos EE.UU. ofrecendo baixo demanda milleiros de películas e episodios de series de televisión que poden gozarse non só dende o ordenador, senón tamén dende dispositivos como consolas de videoxogos domésticas (PlayStation 3 e Xbox 360), trebellos de Apple (iPhone, iPod Touch, iPad e Apple TV) e moitos outros dispositivos con conexión á Internet coma reprodutores de Blu-ray e televisores (chegando a máis de 200 trebellos en total).
Esta oferta chega a través dunha tarifa plana de 7,99 dólares/mes, que nace como a evolución do servizo principal que tiña esta compañía, consistente no aluguer de películas por correo (que continúa operativo, e tamén está baseado nunha estrutura de tarifa plana, na que o usuario paga en función do número de películas que pode ter no seu poder ou en tránsito simultaneamente).
Nos vindeiros meses Netflix vai chegar a América Latina, e diversas fontes están a soster que o seu desembarco europeo comezará por España a primeiros de 2012.

Netflix está dispoñible a través de máis de 200 dispositivos

PUBLICIDADE