Netflix podería chegar a España en 2012

mércores, 8 de xuño do 2011 Marcus Fernández

Netflix, a plataforma de aluguer de películas e series de televisión que nos EE.UU. ofrece un acceso total ao seu catálogo de contidos a través da Internet por unha cota de 7,99 dólares ao mes (5,48 euros/mes) podería chegar a España a primeiros de 2012 segundo Le Figaro, xornal francés que asegura que o desembarco europeo do servizo norteamericano chegaría polo noso país, para saltar logo a Reino Unido e Francia, de xeito que a estratexia internacional da compañía durante 2011 limitaríase ao mercado de América Latina.
Ao parecer Netflix estaría a piques de chegar a acordos para facerse cos dereitos de emisión de contidos audiovisuais para España, mentres que a Asociación de Internautas denunciaba que os «abusivos dereitos de autor en España representarían un custo de 2 a 3 veces máis que eses mesmos dereitos nos países do noso contorno, como Francia ou Alemaña» o que sería un importante atranco para este atractiva plataforma que está a ter un grande éxito nos EE.UU. e podería supor un importante freo ás chamadas descargas ilegais, por crear unha oferta de contidos atractiva e accesible.
Os contidos de Netflix poder reproducirse tanto dende o ordenador como en consolas de videoxogos (a PlayStation 3 é o dispositivo co que é máis habitual acceder ao servizo), reprodutores de Blu-ray con capacidades avanzadas e televisores conectados á Internet (que acepten a instalación de aplicacións), facendo tan doado o uso de Netflix como o da televisión, coa vantaxe de contar con todo ese material audiovisual dispoñible baixo demanda (desligado dunha grella horaria).

PUBLICIDADE