Netflix estrea a súa primeira serie rodada en España

venres, 28 de abril do 2017 Marcus Fernández

Por fin chegou a estrea de Las Chicas del Cable, a primeira serie de televisión española producida para Netflix, na que contan a historia de catro mozas que nos anos 20 comezan a traballar na recentemente creada compañía de teléfonos, o que serve para narrar historias de cambios sociais no lugar de traballo e o nacemento de todo un sector, aínda que desta volta parece que o romance e outras tramas persoais eclipsan as boas intencións desta serie protagonizada por Blanca Suárez, Nadia de Santiago, Ana Fernández, Maggie CIvantos, Ana Polvorosa, Yon González, Nico Romero, Borja Luna, Sergio Mur, Concha Velasco e o galego Martiño Rivas.
Pese ao prometedor que resultaba que unha serie abordase o nacemento de Telefónica dende un punto de vista feminino, as primeiras críticas deixan claro que Las Chicas del Cable está moi lonxe do que están afeitos os espectadores de Netflix, ofrecendo un produto moito máis propio da sobremesa televisiva que dunha plataforma de vídeo baixo demanda. Estamos así ante unha obra cun corte semellante a outras creacións de Bambú Producciones como Gran Reserva ou Velvet, sen grandes cambios que supoñan un risco, pero cun desenvolvemento tópico e claramente non dirixido ao público millennial que caracteriza a Netflix, senón apuntando a audiencias máis propias de mercados latinoamericanos, o que fai que para moitos a estrea desta nova serie sexa unha grande decepción.
Falta agora por ver cal é a recepción real que teña Las Chicas del Cable para saber se Netflix continuará a producir este tipo de ficcións no noso territorio ou optará por formatos máis arriscados como fai nas producións norteamericanas e británicas (cunha factura moi superior en todos os aspectos e cun público obxectivo acorde á audiencia actual da plataforma máis popular para o consumo baixo demanda de películas e series de televisión).

Tráiles oficial de Las Chicas del Cable

PUBLICIDADE