NBA 2K24 convértese nun dos xogos peor valorados para PC

martes, 12 de setembro do 2023 Marcus Fernández

A franquía de xogos de baloncesto de 2K Games está tan asentada e presentaba unha superioridade técnica tal que provocou a extinción da saga competidora directa (NBA Live), pero aínda que o recentemente lanzado NBA 2K24 sexa un grande xogo nas súas versións para PlayStation 5 e Xbox Series X|S, os usuarios de PC recibiron un título claramente de segunda categoría, que actualmente presenta en Steam valoracións dos usuarios «extremadamente negativas», chegando a ser o segundo xogo peor puntuado da historia da tenda dixital de Valve (só superado por Overwatch 2 no Salón da Vergoña).
Ter unha puntuación de 1,07 sobre 10 con máis de tres mil valoracións é unha boa mostra do mal que está a ser recibido o xogo, do que critican que non se tomaron medidas contra os usuarios que fan trampa (estragando a experiencia de xogo), que carece de bastantes das novidades incorporadas na saga nos últimos anos, e que segue a presentar un apartado técnico obsoleto, correspondente ás posibilidades de consolas da anterior xeración, detalle que pode quedarnos claro simplemente con mirar os requisitos mínimos para poder gozar deste xogo e comprobar que pode funcionar nun ordenador de hai 12 anos (aínda que recomendándose usar un equipo de hai 10 anos).
No pasado temos visto como outros xogos deportivos limitaban as súas versións anuais practicamente na actualización dos cadros de xogadores nos distintos equipos, no que daban en chamar versión herdada, detalle que se destacaba na súa portada, pero desta volta, pese a que levamos varios anos cunha versión do NBA 2K moi atrasada tecnicamente, o xogo para PC véndese a 59,99 euros na súa versión normal e a 99,99 euros na súa edición Black Mamba, o que fai moi comprensible a mala resposta duns xogadores que ven como os usuarios de consola gozan de versións do xogo cuns gráficos impresionantes.

PUBLICIDADE