NACCE ten unha nova cita co empresariado TIC este xoves en Pontevedra

mércores, 19 de setembro do 2012 Raquel Noya

Imaxe tomada no II Foro NACCE celebrado en Ourense

O Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra vai acoller este xoves, 20 de setembro, a terceira cita que NACCE ten prevista co empresariado galego e do norte de Portugal, para, por unha banda poñer en contacto aos profesionais do sector TIC de ámbalas dúas zonas para abrir posibles vieiros de colaboración, e pola outra, asesorar a aquelas persoas emprendedoras que precisan botar a andar as súas ideas de negocio.
Este III Foro NACCE centrarase nas cuestións legais que lle atinxen ao sector TIC, e nas novas liñas de negocio en colaboración que poden xurdir entre o empresariado e persoal emprendedor de ámbalas dúas ribeiras do Miño.
O evento volverá a repetir o esquema que seguiu nas pasadas xornadas de Vigo e Ourense: relatorios e charlas sobre innovación TIC e asociacionismo pola mañá, e sesións de asesoramento e mesas de traballo personalizado pola tarde.
O programa recolle, máis polo miúdo, o relatorio do presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, Fernando Suárez, a partir das 10:45, que versará sobre que facer para comezar un proxecto, só ou en colaboración, e sobre como poñer en marcha unha idea de empresa para que saia adiante con éxito.
A partir das 11:15, a avogada consultora TIC Cristina Nebot, e o avogado especializado en novas tecnoloxías Víctor Salgado, exporán as cuestións legais que lle atinxen a un proxecto TIC en colaboración, e achegarán as claves para protexer unha idea de negocio dende o punto de vista legal actual.
Xa ás 12:30 e logo dun merecido descanso para relatores e asistentes, o avogado FranciscoVeiga, do Bufete Garrigues, falará sobre os aspectos fiscais clave no desprazamento de persoas entre España e Portugal; e a partir das 13:00 horas, os relatores Víctor López, Pablo López e Adelino Silva mostrarán as vantaxes da xestión dun proxecto en colaboración.
Na xornada da tarde, que terá lugar entre as 15:30 e as 18:00 horas, celebraranse 6 mesas de traballo personalizado centradas en distintas disciplinas en relación coas TIC, nas que poderán participar de balde todas aquelas persoas interesadas en afondar coñecementos sobre algún dos temas tocados ao longo da mañá.
A xornada é de balde e está aberta a todas aquelas persoas que teñan interese en coñecer as vantaxes da colaboración no seu negocio ou aprender a xestionar un proxecto de colaboración; así como a aquelas que teñan dúbidas sobre cuestión legais no tocante á área tecnolóxica da firma.
As persoas interesadas en asistir a esta cita deberán inscribirse previamente na web de Nacce, indicando de paso se van asistir á comida networking, a cal corre por conta da organización.

PUBLICIDADE