Mundos Digitales incrementou considerablemente o seu volume de asistentes

luns, 9 de xullo do 2018 Marcus Fernández

A Feira de Emprego de Mundos Digitales contou con 20 empresas

O pasado sábado Mundos Digitales pechou as portas da súa XVII edición mantendo a súa posición como o encontro español máis importante no mundo da animación, os videoxogos e os efectos especiais, conseguindo cifras record cun 40% máis de asistentes con respecto ao ano pasado e con 20 empresas presentes na Feira de Emprego, entre as que se atopaban estudios galegos, estatais e tamén outros chegados de países como Alemaña e Reino Unido.
Na sesión de mañá, presentouse por primeira vez en España a curta Nina, The Little Bulldozer, un documental cunha parte animada que relata a historia real de Nina, unha nena afectada por epilepsia. Carlos Grangel, fundador de Grangel Studio, explicou xunto con Javier León (León Studio), Daniel Martínez (Pepe School Land) e Raúl Carbó (In Efecto) como xurdiu a idea de crear esta peza e cales foron os maiores retos aos que tiveron que enfrontarse. Grangel explicou como a idea se xestou na edición de Mundos Digitales de hai catro anos: «Fun ao encontro de profesionais que admiraba para crear este equipo», sinalou. Pola súa banda, Martínez quixo destacar que o documental é un exercicio de sensibilización nun país como Estados unidos, onde a xente que padece epilepsia aínda se atopa estigmatizada. Todos fixeron referencia ás dificultades coas que se toparon ao tratarse dun proxecto altruísta que non dispoñía de financiamento e ao provir todos de campos diferentes.
A xornada de clausura tamén contou co equipo de Ilion Animation Studio: Javier Abad, Javier Romeu e Juan García. Eles son os responsables de dar vida a Wonder Park, a comedia de animación de Paramount que se estreará en marzo de 2019 e que conta coas voces de Matthew Broderick, Jennifer Garner, Ken Hudson Campbell, Kenan Thompson, Ken Jeong e Mila Kunis. García explicou que o principal reto foi atopar o estilo que buscaba o director e que envorcaron gran parte dos seus esforzos en crear unha experiencia inmersiva para o espectador, para trasladar a experiencia da protagonista ao público. Romeu explicou que o pelo é unha das partes máis difíciles de crear nunha película que conta con animais como protagonistas e chanceou con que ata o momento o seu maior reto respecto diso fora a barba do Profesor Bacterio en Mortadelo y Filemón. Así mesmo Abad destacou a complexidade dos protagonistas desta película, personaxes que evolucionan internamente e cuxo cambio se manifesta nas súas expresións e mesmo na paleta de cor empregada.
Pola tarde tivo lugar o Festival de Animación, onde se exhibiron ao público as catro curtas finalistas da categoría internacional e os catro da categoría nacional.
A continuación celebrouse a cerimonia de entrega de premios do Festival de Animación. O xurado formado por Raúl Rocha, de Illusorium Studios; Enrique Gato, de Lightbox Animation Studios; Daniel M. Lara, de Pepe School Land; e Jorge Algora, de Adivina Producciones outorgaron o premio á mellor curta de animación internacional á produción eslovena The Box de Dusan Kastelic, unha curtametraxe con crítica social que vira contorna ao concepto «pensar fóra da caixa», a peza de Kastelic tamén obtivo o premio do público. Na sección nacional, a peza galardoada foi I wish de Víctor L. Pinel, cuxo protagonista é un home incapaz de perseguir os seus soños. O premio especial do xurado recaeu sobre Aazar, unha imaxinativa curta sobre as aventuras dunha nena que soña con chegar á Terra dirixida por Alberto Rodríguez, Alice Labourel, Fabian Riquejo, Ignazio Acerenza, José Luis Herrera e Juan González.
Durante esta cerimonia, o xurado tamén entregou o seu premio especial a Carlos Baena, responsable de animación de películas de Pixar como Toy Story 3, Ratatouille, Wall-E ou Los Increibles. Baena compatibiliza o seu traballo nos estudos de Pixar en San Francisco coa súa tarefa como fundador de Animation Mentor, unha das primeiras escolas de animación en liña.
Aínda que o congreso pechou as súas portas, Mundos Digitales vai máis aló dos tres días de encontro, poñendo en marcha o proxecto MD 2.0, que conta coa participación de Félix Bergés, membro de El Ranchito. Trátase dunha experiencia formativa única no sector que permitirá aos alumnos de destacadas escolas de animación e efectos visuais poñer en práctica o sistema de traballo das grandes producións internacionais.

A edición XVII foi extraordinariamente completa, con numerosas actividades en paralelo durante os 3 días de congreso

PUBLICIDADE