Mundos Digitales achega á revolución da intelixencia artificial

venres, 7 de xullo do 2023 Marcus Fernández

A xornada de hoxe de Mundos Digitales combinou numerosas actividades no PALEXCO, para os profesionais participantes no congreso de animación, videoxogos, efectos especiais e a intelixencia artificial, cun par de relatorios na sede de Afundación abertos ao público xeral, e no que buscaban explorar a situación actual da intelixencia artificial aproveitando o grande interese da cidadanía coruñesa sobre a materia (en boa medida pola elección da cidade como futura sede da AESIA).
O programa desta mañá era bastante completo, comezando con 3 relatorios en paralelo, o que tamén se repetiu na sesión de tarde, tamén cunha axenda moi completa, na que destacaba unha presentación sobre os retos técnicos que supoñen as rodaxes virtuais, tema de especial relevancia na nosa comunidade por mor do plató virtual co que contará a Cidade das TIC.
Ás 19:30 a actividade trasladouse á sede de Afundación, onde baixo o título de Benvidos á 4ª Revolución o célebre divulgador Carlos Santana Dot CSV fixo un repaso da evolución da IA nos últimos anos, deixando caer que os grandes avances que estamos a ver non son máis que unha tendencia que cada vez chegará a máis ámbitos de xeitos que dificilmente poderemos prever.
A Santana precedeuno Miguel Conde, director xeral de BAP&Conde, quen aproveitou a ocasión para presentar unha das súas iniciativas, o obserBAPtorio social e cultural de BAP&Conde, dende o que desenvolveron unha interesante reportaxe na que afondan en distintos aspectos sobre a intelixencia artificial para clarexar se estamos ante unha oportunidade ou unha ameaza. O documento elaborado mediante a recompilación de novas, a consulta de expertos e unha enquisa á poboación xeral pode descargarse de balde.

Xornada de peche

O sábado será un día máis tranquilo no congreso, cunha sesión de mañá que comeza ás 11:00 e que ten bastante despexada a sesión de tarde para facer oco á cerimonia de entrega de premios cos que pecha tradicionalmente o congreso, e na que recoñecen aos mellores profesionais do sector.
Este ano o Premio Especial Mundos Digitales 2023 recae en Juan Cañada, director of Graphics Engineering en Epic Games, onde lidera o desenvolvemento de gráficos no equipo de enxeñería de Unreal Engine. Juan leva máis de 20 anos traballando apaixonadamente en gráficos por computador, onde desempeñou diferentes funcións, desde programador a enxeñeiro xefe ou executivo. Tras liderar o equipo Maxwell Render en Next Limit Technologies durante máis dunha década, trasladouse a Estados Unidos para unirse a Epic Games e liderar os esforzos gráficos para Unreal Engine 5. O seu equipo traballa en tecnoloxías gráficas de nova xeración como Nanite, Lumen, TSR ou Real Time Ray Tracing. O xurado decide outorgarlle o premio 2023 polo seu pola súa achega á industria en Computer Graphics.

PUBLICIDADE