Movistar faise cos dereitos do fútbol para as vindeiras 3 tempadas

mércores, 13 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

O panorama audiovisual español vai deixar a un lado a incerteza que converteu o tema dos dereitos de retransmisión do fútbol televisado en todo un culebrón, xa que hoxe confirman que, tras analizar as ofertas presentadas por todos os operadores de televisión Premium que operan en España, Mediapro e beIN Sports decidiron adxudicar a distribución para as vindeiras 3 tempadas da nova canle beIN Sports LaLiga a Movistar por ter superado esta compañía ao resto de operadores.
beIN Sports LaLiga transmitirá en directo e en exclusiva 8 partidos por xornada de Primeira División, incluíndo sempre un do Real Madrid ou do Fútbol Club Barcelona. Amais, cada tempada transmitirá tamén en directo e en exclusiva un dos grandes clásicos Real Madrid - FC Barcelona.
A nova canle emitirá 24 horas ao día os 7 días da semana e, ademais dos partidos, incluirá outros contidos exclusivos ao redor de La Liga española e converterase na segunda canle en España da marca beIN Sports, complementando á lanzada a primeiros desta tempada cos partidos da UEFA Champions League, a UEFA Europa League e outras competicións internacionais.
Cómpre destacar que a canle beIN Sports, que ofrece a emisión de toda a UEFA Champions League e a UEFA Europa League en exclusiva, así como as principais ligas internacionais, tamén pasará a ser distribuída por Movistar, de feito que o operador garantiría o meirande paquete de contidos futbolísticos do mercado audiovisual español.
Os acordos antes mencionados suporían o pagamento de 2.400 millóns de euros por parte de Movistar+, segundo figura no comunicado que onte remitiu a compañía á Comisión Nacional do Mercado de Valores. Aínda que polo momento non dan os detalles sobre como incorporarán beIN Sports á oferta actual de contidos televisivos, comentándose que a Champions chegaría a Movistar+ esta mesma semana (sen concretar se esta nova canle tería custo adicional para os actuais subscritores do paquete de fútbol).
Queda agora por coñecer a situación do resto de operadores xa que, ao parecer, Movistar tería que negociar os dereitos de retransmisión televisiva cos seus competidores, dadas as imposicións existentes actualmente tras a compra de Digital+ por parte de Telefónica.
En calquera caso parece que os principais beneficiarios desta nova son os establecementos de hostalería, que volven así a ter facilidades para contratar todo o fútbol para os seus locais, o que era un grande problema en negocios en zonas fóra de cobertura dos operadores que ofrecían actualmente beIN Sports.

PUBLICIDADE