Movistar Series traerá a España a primeira serie televisiva de PlayStation Network

luns, 9 de marzo do 2015 Marcus Fernández

As plataformas audiovisuais en liña buscan diferenciarse cada vez máis con produtos exclusivos, de aí que Sony quixese facer despuntar a súa PlayStation Network adaptando a banda deseñada Powers de Brian Michael Bendis á pequena pantalla, pero esta produción que mañá estreará os primeiros dos seus 10 episodios para os subscritores de PlayStation Plus dos EE.UU. sorprenden en España chegando só un día despois a través de Movistar Series.
Movistar Series ofrecerá os primeiros 3 episodios de vez, tras o que estreará un episodio novo cada mércores até completar a primeira tempada desta serie ambientada nun mundo con superheroes na que un par de detectives da policía están especializados en investigar casos nos que están involucrados os Poderes.
Protagonizan esta ficción Sharlto Copley (Distrito 9), que interpreta ao detectivo Christian Walker, un superheroe que tras perder os seus poderes convértese en policía e que está acompañado por Deena Pilgrim (personaxe interpretado por Susan Heyward), unha policía novata que o acompaña. Como personaxes con poderes relevantes temos ao malvado Wolfe (Eddie Izzard) e á superheroína estrela, Retro Girl (Michelle Forbes), figuras que xogarán un papel decisivo nesta historia que parece percorrer un camiño claramente diferenciado do comic book orixinal.


Trailer de Powers

PUBLICIDADE