Movistar Fusión elimina o compromiso de permanencia para os usuarios de ADSL

luns, 8 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Unha das condicións máis molestas á hora de contratar servizos de telecomunicación son os compromisos de permanencia, xa que para os consumidores resulta moi molesto non poder abandonar un servizo co que non están conformes nun momento dado sen ter que pagar unha penalización, de aí que a nova medida de Movistar poida resultar moi ben recibida, xa que están a dar conta de que as novas altas en Movistar Fusión con ADSL deixan de contar con compromiso de permanencia de 12 meses, mentres que as altas en cable pasarán a ter unha permanencia de só 3 meses, sempre que falemos de contratacións no ámbito doméstico (a oferta profesional mantén as condicións anteriores).
Cómpre destacar que falamos das tarifas de Movistar Fusión, xa que o resto de contratos de Movistar con acceso á Rede fóra de Fusión manteñen os compromisos de permanencia establecidos.
É de agardar que os competidores de Movistar realicen medidas semellantes nos vindeiros meses, se queren evitar a perda de atractivo das súas ofertas converxentes, que tras o incremento de velocidade de Movistar Fusión até un máximo de 300 Mbps teñen bastante complicado competir co operador dominante.

PUBLICIDADE