Morte protagonizará a secuela de Darksiders

venres, 30 de decembro do 2011 Marcus Fernández

O xogo de Vigil Games Darksiders foi toda unha sorpresa a primeiros do ano pasado, pois chegou ao mercado dun xeito bastante discreto, tendo como principal atractivo o seu deseño gráfico (da man do debuxante de comics Joe Madureira) e dando a impresión de que este título para Xbox 360, PlayStation 3 e PC era un hack and slash máis (nun momento no que Dante’s Inferno e Bayonetta competían no xénero) pero resultou ser o máis semellante a un The Legend of Zelda para un público adulto, polo que gañou o respecto do público e da crítica, de aí que non sorprenda que o vindeiro verán vaiamos ver a súa secuela.

Darksiders II promete ser tan épico como a súa primeira entrega

Esta segunda parte do xogo, abandonará ao xinete do Apocalipse chamado Guerra e permitiranos controlar a Morte, outro dos xinetes, que vivirá unha nova serie de acontecementos no mesmo espazo temporal da primeira entrega, con novas localizacións e inimigos que destruír. Darksiders II tamén chegará para as mesmas consolas que a súa entrega anterior, ás que se engadirá máis adiante Wii U.
A produtora do xogo, THQ, está a distribuír imaxes do protagonista do xogo, e nas últimas semanas tamén puidemos ver algúns vídeos sobre o mesmo, que promete un nivel comparable ao do primeiro Darksiders, o que é unha garantía en si mesma.


Teaser subtitulado en español de Darksiders II


O xogo en acción

PUBLICIDADE