Moitas das funcionalidades de Xbox One serán exclusivas para subscritores de Xbox LIVE Gold

xoves, 8 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Aínda faltan uns meses para que a nova consola doméstica de Microsoft vexa a luz, pero aínda que o prezo da Xbox One vaia ser de 499 euros, a compañía de Redmond vén de confirmar que moitas das súas prestacións serán de pagamento, pois só estaría dispoñibles a través de Xbox LIVE Gold (subscrición que actualmente custa 5 euros/mes). Aínda que actualmente os subscritores do servizo practicamente só tiñan como vantaxes a posibilidade de xogar en liña coa Xbox 360 e recibir algunhas ofertas especiais (como descontos en compras e descargas de demos de xogos de xeito anticipado), nos últimos anos foron incorporan aplicacións Premium e incluso o navegador web Internet Explorer, pero coa Xbox One teremos aínda máis prestacións adicionais exclusivas.
Na páxina web de Xbox LIVE nos EE.UU. detallan que para poder acceder á OneGuide (guía televisiva avanzada), á gravación en vídeo das novas partidas para poder compartilas en liña, o uso de Skype dende o televisor e SmartMatch (unha nova solución para emparellar xogadores en liña) serán prestacións exclusivas dos usuarios Gold.
Aínda que é certo que a contratación do servizo de subscrición por parte dos usuarios de consolas de Microsoft é algo habitual, pode resultar sorprendente que ao lanzarse a nova consola a un prezo máis elevado que o do seu principal competidor (Sony) opten por restrinxir certas prestacións para os usuarios que non pagan para gozar das prestacións en liña da consola. Os usuarios da futura PlayStation 4 si terán que pagar por xogar en liña, pero outras das funcionalidades avanzadas da consola si estarán dispoñibles para os usuarios que non paguen e, amais, o servizo de pagamento premiase con xogos descargables de balde todos os meses.

Táboa que destaca as prestacións ás que poderán acceder en exclusiva os usuarios Gold de Xbox LIVE

PUBLICIDADE