Microsoft quere converter á Xbox 360 no corazón multimedia do fogar

luns, 4 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Ás 18:30 horas botou a andar durante o E3 de Los Angeles a conferencia de Microsoft dentro do principal evento do ano no sector dos videoxogos que serve principalmente para adiantar os lanzamentos dos vindeiros meses e para dar a coñecer novos produtos e servizos, cumprindo a compañía de Redmond co agardado, xa que, aparte de amosar unha serie de títulos que terá a Xbox 360 no outono e en 2013, tamén presentou algunhas das novidades que incorporará a consola que servirán principalmente para convertela no corazón do lecer electrónico en moitos fogares (principalmente nos EE.UU.).

Forte catálogo do lanzamentos

Halo 4 é un dos grandes lanzamentos que están en preparación para a Xbox 360

No tocante aos videoxogos, Microsoft vai procurar continuar as súas franquías exclusivas de éxito durante os vindeiros meses, prometendo grandes xogos como Halo 4, Gears of War: Judgment e Forza Horizon; continuando a súa forte aposta por Kinect con Dance Central 3 e Fable: The Journey, á vez que anuncian que xogos como FIFA 2013 permitirán o uso de ordes de voz mediante Kinect, o que fará que non haxa que interromper o xogo para moverse polos seus menús para mudar de estratexia no medio dun partido; e reforzan a súa marca con Call of Duty: Black Ops II, Resident Evil 6, o novo Tomb Raider e mesmo South Park: The Stick of Truth, que contarán con contidos descargables anticipados con respecto ás versións do xogo para outras plataformas. Tamén aproveitaron o evento para amosar imaxe de Tom Clancy’s Splinter Cell: Blacklist (considerado como o título da franquía máis ambicioso feito nunca) e algúns xogos que chegarán en formato descargable.


Imaxes de Halo 4 desveladas durante a presentación de Microsoft no E3
O feito de que haxa tantos xogos que apunten a 2013 en vez de á campaña de Nadal dá a entender de que as compañías están a estirar a presente xeración de consolas, de xeito que non veriamos o anuncio das súas sucesoras ata o ano que vén, de aí que múltiples sagas que deberían ter pechado continúen activas, o que parece que están a facer bastante ben, pois pese a que a falta de orixinalidade tende a pesar en contra, compénsano sobradamente cuns recursos técnicos impresionantes que parece imposible que poidan acadarse cun hardware de hai máis de 6 anos.

A televisión dende a consola

Microsoft continúa a incrementar a oferta de contidos audiovisuais para a Xbox 360

Nos EE.UU. existe unha ampla oferta de contidos multimedia dispoñibles a través da Xbox 360, de feito que na actualidade as consolas de Microsoft xa se empregan máis horas para acceder a este tipo de servizos que a xogar, de aí que continúen a avanzar neste ámbito, e anuncien unha ampliación do seu catálogo de contidos, o que se fai notar especialmente na oferta de retransmisións deportivas, que tras o éxito da UFC e da MBL, ampliarase este ano con centos de partidos da NBA e da NHL, así como contidos televisivos da ESPN. Pero para España tamén anuncian algunhas novidades, como o soporte do control por voz en español con Kinect e a estrea das aplicacións que faciliten o acceso aos contidos de TV3 e ás webs de contidos baixo demanda Wuaki e Youzee.
A Xbox 360 non só permite acceder aos contido, senón que tamén os enriquece, e permítelles empregar prestacións avanzadas como a pantalla partida (equivalente ao Picture-in-Picture dalgúns televisores) e guías de contido que poden controlarse por voz. Deste xeito Microsoft está a marcar o camiño da televisión do futuro.


Mostra dos contidos audiovisuais que ofrece a Xbox 360 nos EE.UU.

Evolución e integración

O Internet Explorer estrarase na Xbox 360 este ano

Pero ao igual que a relación entre a televisión e a consola pode ser moi estreita, tamén pode trasladarse tal nivel de integración a outros dispositivos cada vez máis populares, coma os smartphones e os tablets, o que levou a Microsoft a anunciar a súa tecnoloxía SmartGlass, que permite converter a os trebellos táctiles actuais (insisten en que non teremos que mercar outro móbil ou tablet para gozar desta prestación) nunha especie de pantalla secundaria que serve tanto como interface de control táctil como de soporte para información secundaria, o que será práctico para consumir contidos televisivos (teriamos o mando a distancia máis potente no mercado), para xogar e incluso para empregar o Internet Explorer para Xbox, novo navegador web que pretende achegar a Internet dun xeito diferente ao televisor, aproveitando a potencia da Xbox, as posibilidades de Kinect a as novas funcionalidades de SmartGlass, co que pretenden trunfar nesta difícil misión, pois ata o momento todo os intentos de casar televisor e web resultaron pouco atractivos para o público xeral.
Nesta mesma liña tamén anunciaron Xbox Music, un novo servizo musical que chegará para Xbox 360, Windows Phone e Windows 8, e permitirá a compra e a subscrición de música dende a consola ou dispositivos conectados á nube. Temos así que a integración total dos produtos de éxito de Microsoft está cada día máis preto, e incluso adiantaron que a meirande parte dos servizos de Xbox (SmartGlass, xogos, música, vídeos...) poderán estar dispoñibles tamén dende Windows 8, conseguindo unha maior dispoñibilidade, o que agradecerán especialmente os usuarios, que poderán consumir os contidos con independencia do soporte, podendo incluso continuar a ver no salón unha película que comezaron a ver nun tablet, dun xeito sinxelo e dotando de certa transparencia á pantalla final a través da que consumimos.


Anuncio das novas posibilidades que incorporará a Xbox 360 no presente ano

PUBLICIDADE