Microsoft presentará a galeguización das súas principais aplicacións

luns, 21 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e Microsoft van presentar o vindeiro 24 de febreiro no marco da campaña Vive en galego a tecnoloxía, proxecto que busca difundir na sociedade as últimas ferramentas tecnoloxías dispoñibles na nosa lingua, os paquetes de idioma que permiten o uso de Windows 7, Office 2010, Dynamics CRM e Sharepoint en galego.
O acto terá lugar ás 19:00 horas no Centro de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago de Compostela, contando co asistencia do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez; o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; e a xerente de relacións institucionais de Microsoft Ibérica, Monserrat Pardo. Animarán a presentación o actor Rubén Riós, encargado de conducir o acto, e a gaiteira Susana Seivane.
A posibilidade de utilizar en galego as principais aplicacións informáticas de Microsoft ten un importante impacto na normalización da nosa lingua, de aí que a incorporación do galego ás novas tecnoloxías sexa unha prioridade, sendo tamén crucial o impacto que pode ter no contexto laboral, de aí que entre os programas presentados non estea só o sistema operativo Windows 7 co seus paquete de idioma galego, senón que tamén o popular paquete ofimático Microsoft Office 2010 tamén ten dispoñible a súa interface en galego, como a ferramenta de software de relacións cos clientes Microsoft Dynamics CRM e a colección de aplicacións de colaboración baseado no explorador web Microsoft Sharepoint (o que inclúe SharePoint Server 2010, Search Server 2010 e Office Web Apps 2010).
Dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística non só promoven a galeguización do software de Microsoft, senón que están en colaboración permanente coas empresas tecnolóxicas para promover e facilitar o desenvolvemento profesional e as relacións sociais en galego, facilitando o asesoramento e revisión na localización en galego dos seus produtos.

PUBLICIDADE