Microsoft presenta o mellor catálogo de xogos de Xbox de cara á campaña de Nadal

luns, 15 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Nun momento no que a nova xeración de consolas de videoxogos está asentándose resulta moi importante fornecer un catálogo de novos títulos para atraer a usuarios e crear unha ampla base de máquinas, e Microsoft parece ter feito ben os seus deberes, e presentou na súa conferencia no E3 os seus plans para os vindeiros meses, no que describen como a mellor remesa de lanzamentos na campaña de Nadal de toda a historia de Xbox.
Durante hora e media os responsables de Xbox foron debullando os moitos títulos exclusivos cos que contará a consola de Microsoft na segunda matade do ano, buscando así non só facer fronte á PlayStation 4, senón tamén animar aos usuarios de Xbox 360 a dar o salto á nova xeración. Un dos detalles que facilitará este paso é unha das grandes sorpresas da presentación: a Xbox One contará con retrocompatibilidade limitada, ou sexa, que unha selección de xogos de Xbox 360 poderán gozarse de balde en Xbox One, comezando por un cento de títulos que poderán xogarse en formato físico e descargable, contando tamén con funcionalidades de Xbox One como a toma de capturas de pantalla, a transmisión de vídeo en directo a través da Internet e a gravación en vídeo das partidas. O catálogo de xogos retrocompatibles irá medrando paulatinamente, dando prioridade Microsoft aos títulos que máis demanden os usuarios, estando dispoñible esta funcionalidade dende hoxe mesmo para os usuarios da versión preliminar do software de Xbox One (chegando ao resto de usuarios no outono).

Novo mando Elite

Outra novidade de agradecer é o Xbox Elite Wireless Controller, un novo mando destinado aos xogadores máis esixentes, que funcionará tanto en Xbox One coma en Windows 10, e que empregará compoñentes de alta calidade e precisión. Na liña do que pode facerse con algún arcade stick, o novo gamepad permitirá que o usuario cambie os seus compoñentes, podendo, por exemplo, alternar entre distintos tipos de cruceta, o que achegará un nivel de personalización que fará que poidamos adaptar o mando a numerosos títulos e estilos de xogo, sendo tamén posible re-mapear os botóns e axustar a sensibilidade. Todo un dispositivo chamado a converterse en referente.

HoloLens e Minecraft

Como adianto á Minecon que celebrarase en Londres nun par de semanas, dende Mojang AB quixeron deixar claro que están a preparar numerosas novidades para o seu xogo, entre as que destacan o feito de que será compatible con HoloLens, tecnoloxía de realidade aumentada tridimensional da que fixeron unha impresionante demostración que permite ver Minecraft dun xeito completamente novo.
Na mesma liña, dende Microsoft tamén detallaron que, aparte do seu acordo con Oculus para incluír un mando de Xbox One coas Rift e facilitar o xogo de títulos de Xbox One a través das Rift aproveitando o streaming da consola en Windows 10; tamén chegaron a un acordo con Varle VR, de xeito que están a procurar converter a Windows 10 na mellor plataforma de xogos de realidade virtual.

ID@Xbox e Xbox Game Preview

Os desenvolvedores independentes tamén tiveron o seu oco na conferencia, con varios títulos destacados e a confirmación de que xa hai máis dun milleiro de desenvolvedores independentes traballando no programa ID@Xbox; aínda que a presentación do programa Xbox Game Preview resultou máis rechamante, especialmente porque vai contar con xogos como DayZ, Sheltered e The Long Dark. Este servizo permitirá adquirir xogos durante o seu desenvolvemento, de xeito que se participará na súa creación, aínda que para evitar os problemas que xurdiron en lanzamentos deste tipo en Steam, será posible probar estes lanzamentos anticipados antes de pagar polos mesmos.

Grande catálogo de lanzamentos

Os videoxogos conseguiron ser os protagonistas da presentación de Microsoft, e mentres nos pasados meses moitos estudios anunciaron o adiamento de xogos anunciados con bastante antelación, a Xbox One conseguiu manter a meirande parte de promesas, e incluso reservou algunha sorpresa, construíndo un sólido catálogo de cara ao Nadal.
A conferencia comezou forte, cun vídeo de Halo 5: Guardians, o que para moitos é o xogo máis agardado do ano, que contará cun intenso multi-xogador de até 24 xogadores, con modos cooperativos para equipos de 4 xogadores, cunha historia bastante interesante e a confirmación da súa data de lanzamento: o 27 de outubro.
Tamén se amosou ReCode, un xogo totalmente novo, exclusivo para Xbox One, no que Microsoft Studios xuntou forzas cos deseñadores Keiji Inafune, Mark Pacini e os equipos de Comcept e Armature Studio (creadores da franquía Metroid Prime). O xogo estará dispoñible na primavera de 2016.
Outro título que fixo unha grande posta en escena foi Forza Motosport 6, que iniciou cunha plataforma colocando un Ford GT no escenario, anunciando así que haberá novos vehículos no xogo (superando a un total de 450 coches), máis de 26 localizacións, modo multi-xogador para 24 vehículos e incluso detalles ausentes nas anterior entrega como a meteoroloxía dinámica, polo que estamos ante un xogo que pretende recuperar o nivel de excelencia das primeiras entregas da franquía, aproveitando tamén as posibilidades da Xbox One.
Outra grande exclusiva (temporal) para consolas Xbox será o xogo Rise of the Tomb Raider, que lanzarase o 10 de novembro, o que supón unha magnífica nova para Microsoft, xa que o principal competidor do xogo, Uncharted 4, adiou o seu lanzamento até o ano que vén. A nova aventura de Lara Croft continuará na liña da súa anterior entrega, pero contando co nivel de detalle gráfico que xa podiamos ver na súa remasterización.
Para os nostálxicos, Rare anunciou que o 4 de agosto, e por un prezo de 29,99 dólares, lanzará Rare Replay, un recompilatorio con 30 xogos da compañía (Perfect Dark, Battletoads, Banjo-Kazzoie, Viva Piñata...) que agora poderán gozarse na Xbox One. Aínda que Rare non se limitou a aproveitar as súas vellas licenzas, senón que tamén adiantou que para o Nadal de 2016 lanzará Sea of Thieves, un xogo masivo en liña de piratas que estará dispoñible para Xbox One e Windows 10.
Tamén exclusivos serían os xogos Fable Legends (que chegará antes do Nadal); Gears of War: Ultimate Edition, remasterización do primeiro Gears (cuxa beta está dende hoxe dispoñible de balde) que chegará o 25 de agosto para preparar o camiño para Gears of War 4 (que promete ser un dos meirandes lanzamentos de 2016); Gigantic (un MOBA free-to-play para Xbox One e Windows 10); e incluso títulos máis pequenos como Ashen e Cuphead, que en consola serán exclusivos de Xbox.
Outros xogos que se deixaron ver, sen ser exclusivos, serían Dark Sould III (que chegará en 2016), Fallout 4 (dispoñible o 10 de novembro, e que en Xbox One permitirá gozar de balde aos mods creados para PC), Plants vs. Zombies Garden Warfare 2 (shooter que chegará en 2016), Tacoma (un prometedor xogos de exploración e illamento), Tom Clancy’s Rainbow Six Siege (dispoñible o 13 de outubro) e Tom Clancy’s The Division (que chegará en 2016).
Polo escenario tamén fixo acto de presenza Peter Moore, de Electronic Arts, para dar conta de que o seu servizo EA Access continúa a evolucionar, ofrecendo un catálogo de xogos dentro do seu prezo, acceso anticipado a numerosos títulos e descontos nas compras, confirmando que o impresionante Titanfall estará incluído no EA Access Vault, motivo que para moitos sería xa dabondo para subscribir o servizo de EA.


Vídeo no que a Xbox One presume dos xogos que van a incorporarse ao seu catálogo

PUBLICIDADE