Microsoft presenta 3 modelos de Xbox One X inspirados en Wonder Woman 1984

martes, 25 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Agora que xa está confirmado que o filme Wonder Woman 1984 chegará aos cines o vindeiro 2 de outubro as compañías atrévense a lanzar os produtos relacionados coa marca, que no caso de Microsoft serán consolas Xbox One X inspiradas na película, o que sorprende tanto pola súa estética extraordinariamente rechamante como polo feito de que tal modelo de consola cesou a súa produción para deixar sitio ás consolas de nova xeración.
Microsoft non se limitou á creación dun único modelo de consola inspirada en Wonder Woman 1984, senón que optaron por deseñar consolas con cadansúa estética do personaxe protagonista e outra inspirada na súa antagonista.
A consola que será máis exclusiva será a baseada na armadura dourada de Wonder Woman, xa que será unha máquina única, feita a man, e que ofrecerase en poxa para recadar fondos para a iniciativa solidaria Together for Her. Como consolas ordinarias teremos a do Lazo da Verdade de Wonder Woman, que será unha Xbox One X en dúas cores (laranxa e negro), á que incrustaron un lazo dourado e o logotipo de Wonder Woman en vibrantes cores que tamén decorarán ao mando que acompaña á consola; mentres que a Xbox One de Barbara Minerva presentará unha aparencia moi salvaxe na que non falta unha cuberta de falsa pel de leopardo (patrón que tamén servirá de decoración para o mando da consola).
A consola do Lazo da Verdade poderase conseguir a través dun sorteo entre os que rechouchíen unha publicación da conta oficial de Xbox. Sobre como conseguir a consola inspirada en Cheetah aínda non deron detalles.

A Xbox One X inspirada en Barbara Minerva (Cheetah) é unha das consolas máis rechamantes até o momento, polo curiosa incorporación de pel artificial

PUBLICIDADE