Microsoft e Nintendo aproveitarán a ausencia europea da PlayStation 3 durante o Nadal

luns, 9 de outubro do 2006 Marcus Fernández

As consolas domésticas de videoxogos pretendían comezar unha forte pugna neste Nadal para indicar cal sería a que dominase o sector do lecer electrónico, pero o retraso da PlayStation 3 ata marzo de 2007 en Europa apartou a Sony da batalla, de xeito que a actual Xbox 360 de Microsoft só terá que competir coa Wii que lanzará Nintendo en poucas semanas, pero que están a marcar xa toda unha polaridade comercial entre unha consola de grande potencia e outra que se centra na revolución dos sistemas de xogo.
Así, Microsoft aproveitará a ausencia de Sony, que durante este Nadal non terá consolas de nova xeración nas tendas, para gañar posicións no mercado europeo, onde a Xbox xa tivera unha acollida aceptable que agardan mellorar coa Xbox 360.
Ademais, a Nintendo Wii chegará a España o 9 de decembro, o que lle permite chegar á campaña festiva, pero que lle da a Microsoft moito tempo para gañar terreo. Así, os usuarios europeos interesados na Wii teranse que enfrontar a unha consola bastante descoñecida, pero cun atractivo que chegan da man dos seus sistemas de xogo baseados en mandos detectores de movemento.
Microsoft, consciente da situación actual en España levará a 10 cidades españolas o iniciativa Experiencia Xbox 360 coa que capta novos usuarios co atractivo dunha consola con meses de vida, un catálogo de xogos bastante completo e unha calidade gráfica que non terá competencia ata o demorado lanzamento da PS3, polo que será a opción preferida dos usuarios máis esixentes (mentres que a Wii apostará polo seu prezo máis reducido para achegar a usuarios novos).

PUBLICIDADE