Microsoft e FaceBook únense para cubrir máis mercados internacionais

xoves, 25 de outubro do 2007 Raquel Noya

Mark Zuckerberg, fundador de Facebook

A Rede segue a encherse de xente que se organiza e se coñece e que quere ter o control sobre o que hai na pantalla. En definitiva, o internauta medio é un ser humano igual có resto da xente (igual de listo, igual de parvo), pero que usa a Rede como outros usan a rúa, os estrados, os parques, os bares e restaurantes ou os locais sociais. As empresas de todo o mundo saben do poder de participación da Internet e andan moitas delas toleando na procura dese establecemento virtual de éxito que convoque multitudes. Unha delas é Microsoft, que vén de anunciar o pasado mércores un investimento de 240 millóns de dólares en Facebook (a rede social en liña que máis posiblidades ten de competir con MySpace), facéndose deste xeito cunha participación minoritaria que sitúa o valor no mercado de aquel espazo de amizade virtual en arredor de 15.000 millóns de dólares.
Polo de agora, xa puidemos saber que esta operación estratéxica de alianza inclúe uns meirandes niveis de cooperación con FaceBook en materia de publicidade en liña.
FaceBook conta na actualidade cuns 50 millóns de usuarios en todo o mundo e dende a súa fundación (en febreiro do 2004) experimentou un crecemento exponencial que o fixo presa atractiva e suculenta para outras grandes feras de Internet, como o motor de procuras, Google.

PUBLICIDADE