Microsoft detalla a primeira ducia de xogos no programa Xbox Play Anywhere

luns, 20 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Durante a súa conferencia no E3, Microsoft anunciou numerosos xogos e incluso as futuras consolas da compañía de Redmond, e dentro destas novidades figuraba un curioso programa, Xbox Play Anywhere, que permitirá que os xogadores poidan mercar un xogo unha única vez e xogalo tanto en Windows 10 como en Xbox One, compartindo os progresos, as partidas gardadas e os logros entre ambas plataformas, comezando polos xogos de Microsoft Studios.
Este programa supón unha atractiva vantaxe para os xogadores, que poden tratar a súa consola como se fose un ordenador máis, e agora adiantan a listaxe de xogos cos que botará a andar esta iniciativa: Gears of War 4, Forza Horizon 3, ReCore, Sea of Thieves, Halo Wars 2, Scalebound, Killer Instinct Season 3, State of Decay 2, Ark: Survival Evolved, Cuphead, We Happy Few e Crackdown 3. Temos así unha ducia de xogos dos que boa parte chegará este mesmo ano ao mercado, poñendo a proba a nova política de Microsoft coa que a Xbox One reduce a distancia co Windows 10 de escritorio tanto en xogos como en aplicacións, abrindo unha serie de posibilidades que tardaremos uns meses en saber se conseguen conquistar ao público.

PUBLICIDADE