Micromanía publica o seu derradeiro número

luns, 22 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Nos últimos anos non foron poucos os casos de publicacións impresas do mundo do videoxogo das que anunciamos o seu adeus, pero a que está a despedirse estes días pode pillar por sorpresa a moitos, por pensar que xa deixara de editarse, xa que os seus últimos anos foron bastante complicados.
Falamos da revista Micromanía, que tras preto de 39 anos á venda terá como derradeiro número o 335, de xeito que despídese a que probablemente sexa a revista de videoxogos máis lonxeva a nivel mundial (a revista nipoa Famitsu naceu un ano despois).
Como xa comentamos, a sorpresa para moitos é que a revista seguise en activo, pois xa no ano 2012 anunciárase o seu peche (cando realmente o que pasou é que se desprendeu da publicación a súa editora, Axel Springer) e nos últimos meses a revista deixara a súa distribución en quioscos, xa que unha grande tiraxe non era sustentable, polo que optaron por distribuírse en exclusiva en tendas da cadea GAME.
Até o número 335 a revista Micromanía mantiña o seu último formato, o seu prezo de 4,99 euros e incluso un xogo descargable de agasallo (que desta volta é o Imperivm RTC HD Edition), polo que rematan a publicación con dignidade, e coa honra de ter deixando unha fonda pegada en varias xeracións de xogadores.
Os nostálxicos poden visitar o Internet Archive para consultar os números clásicos da publicación, dende a primeira etapa, até a súa época actual, pasando por a rechamante segunda época na que os exemplares editábanse en tamaño de xornal, sendo este período no que conseguiron unha maior relevancia e visibilidade (o lanzamento do primeiro número desta época chegou a anunciarse por televisión).

PUBLICIDADE