Meubook edita un libro que se aproxima á obxectividade, o coñecemento e os valores na Ciencia

mércores, 25 de abril do 2012 Marcus Fernández

A licenciada en Humanidades especializada no campo da Filosofía, blogueira e co organizadora do Foro INEO, Arantxa Serantes, vai presentar esta tarde na Sala Lucernario da Fundación Eugenio Granell en Santiago de Compostela o seu segundo libro editado a través de Meubook, Objetividad, conocimiento y valores en la Ciencia. Análisis del planteamiento filosófico de Ilkka Niiniluoto, texto que permite unha achega ao filósofo e matemático finlandés Niiniluoto, pouco coñecido en España, e que realizou importantes achegas á filosofía da Ciencia, en particular á aproximación da verosimilitude ou a verdade. Tamén se abordan temas como o papel que xogan a ciencia e a tecnoloxía na sociedade.
A publicación conta cunha portada de David Pintor e cun prólogo a cargo do ilustre profesor Ildefonso Murillo, catedrático de Lóxica e Filosofía da Ciencia na Universidade Pontificia de Salamanca.
O acto comezará ás 20:00 horas e contará coa presenza de Marcus Fernández (Código Cero) e Ángeles Montecelo (Meubook), que arrouparán á autora na presentación en sociedade dun libro que xa está dispoñible para a súa adquisición a través da plataforma en liña de Meubook, onde tamén é posible ler o prólogo do libro e unhas breves palabras da autora como mostra do novo volume.

PUBLICIDADE