Metallica estrea xogo musical para iPhone e iPod Touch

martes, 27 de outubro do 2009 Marcus Fernández

A franquía de xogos musicais para iPhone e iPod Touch Tap Tap Revenge vai un paso máis aló, no que parece unha clara reacción ao lanzamento do Rock Band para os terminais de Apple, e achega hoxe a través da App Store por un prezo de 3,99 euros o xogo Metallica Revenge, que é unha versión do xogo musical que inclúe 10 temas de Metallica (For Whom the Bell Tolls, Fuel, King Nothing, Sad But True, Some Kind of Monster, Enter Sandman, One, Seek & Destroy, All Nightmare Long e Master of Puppets).
O xogo inclúe un modo Arcade (no que hai que enfrontarse a distintas armas das que fai uso a máquina), modo Combate (para enfrontarse a amigos por Bluetooth), 4 niveis de dificultade, pistas desbloqueables e outras prestacións que tamén están presentes no Rock Band, aínda que dá a impresión de que ao Tap Tap Revenge saíulles un duro competidor, de xeito que non só deberán ofertar un interesante catálogo musical, senón que tamén deberán mellorar a súa aplicación para non parecer un xogo inferior ao de Electronic Arts.

PUBLICIDADE